Chantada remata un curso de lingua e cultura galegas destinado a novos veciños do Concello

A casa da cultura de Chantada acolleu, nas últimas semanas, un curso de introdución á lingua e á cultura galegas. As clases, que comezaron o 15 de setembro e se prolongaron ata mediados deste mes, impartíronse os martes e xoves, e estaban dirixidas a maiores de 16 anos interesados en adquirir ou mellorar o seu coñecemento do galego, así como en achegarse á cultura do territorio de acollida.
A convocatoria, pensada para un máximo de 20 prazas, cubriuse por completo, aínda que finalmente foron 16 as persoas que chegaron ata o final do curso. Os catro participantes restantes non puideron completalo porque, durante o desenvolvemento da formación, atoparon traballo e os seus novos horarios laborais resultaron incompatibles coas sesións. A pesar desta circunstancia, quen si remataron o curso coincidiron en valoralo positivamente e expresaron o seu desexo de seguir formándose no idioma.
O programa estruturouse en cinco sesións de traballo, nas que se abordaron distintos aspectos da aprendizaxe lingüística e cultural. Entre os contidos traballados figuraron unha toma de contacto coa fonética, o alfabeto e as normas básicas de pronunciación do galego; a incorporación de vocabulario de uso frecuente, como saúdos, presentacións, números ou os días da semana; e a construción de frases sinxelas aplicables a situacións cotiás. Tamén se traballou a comprensión, tanto oral como escrita, de mensaxes e textos básicos, practicáronse diálogos para mellorar a interacción falada, e incluíronse contidos de carácter cultural que permitisen situar o idioma no seu contexto.
Este tipo de iniciativas persegue un dobre propósito. Por unha banda, facilitar a integración social e cultural das persoas participantes, partindo da idea de que dominar a lingua do lugar de acollida resulta clave para unha incorporación exitosa á vida do concello. Por outra, poñer en valor o potencial que representa a chegada de poboación procedente de fóra de Galicia como vía para ampliar o número de falantes do idioma galego.
Ao concluír a formación, os participantes recibiron un diploma acreditativo expedido pola Consellería de Cultura. O curso foi organizado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Secretaría Xeral da Lingua, e contou coa colaboración do Concello de Chantada, que forma parte da Rede de Dinamización Lingüística.