Chantada investirá preto de 192.000 euros na renovación do asfaltado de varias rúas do municipio

O Concello de Chantada puxo en marcha un plan de asfaltado destinado a rexenerar distintas vías tanto na vila como nas parroquias do municipio. Esta semana comezaron os traballos, que se están a desenvolver en varias rúas do casco urbano.
Durante este mércores e o xoves estase a levar a cabo a renovación da capa asfáltica mediante aglomerado en quente nas rúas Otero Pedrayo, Luís García Arias (no seu tramo baixo), Castelao e Poeta Añón. Mentres duren os traballos, queda prohibido o estacionamento nestas vías, aínda que se mantén habilitado o paso de autobuses e outros vehículos que acceden aos centros de ensino nos horarios de entrada e saída das clases. Unha vez rematada a renovación do pavimento, procederase a repintar toda a sinalización correspondente a pasos de peóns e zonas de estacionamento.
Nunha fase posterior, as obras trasladaranse á rúa da Ponte e á rúa Fray Alonso Varela, onde tamén se renovará a capa de asfalto e se actualizará a sinalización viaria. Esta primeira fase do plan inclúe, ademais, a mellora da prolongación das rúas Concepción Arenal e Ribeira Sacra, onde está previsto construír beirarrúas e repavimentar a superficie.
O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, destacou que estas actuacións contribuirán a mellorar a circulación en zonas de elevado tránsito. Segundo explicou, as rúas intervidas atopábanse entre as máis deterioradas do municipio, polo que estas obras permitirán ofrecer maior accesibilidade na contorna dos centros de ensino. Así mesmo, sinalou que se resolverán dous puntos conflitivos a nivel urbanístico, situados nas rúas Concepción Arenal e Ribeira Sacra.
As obras foron adxudicadas por un importe de 192.390 euros, financiados con fondos propios procedentes dun préstamo destinado á mellora das vías municipais.