Chantada inicia un plan de mejora de limpeza de beirarrúas e prazas na vila

O Concello de Chantada vén de poñer en marcha un programa de limpeza de beirarrúas e espazos públicos da vila impulsado pola concellería de Infraestruturas Urbanas, coa intención de mellorar o estado dos pavimentos e do mobiliario urbano.
Antes do inicio destas actuacións, a brigada municipal de obras e servizos levou a cabo diferentes traballos de rebaixe e adecuación de beirarrúas en varias zonas da localidade para favorecer a accesibilidade peonil. Segundo indican desde o Concello, estas intervencións continuarán desenvolvéndose de maneira progresiva noutras rúas.
Unha vez executadas esas melloras, o goberno local decidiu iniciar a limpeza integral dos pavimentos. “Esta era unha medida que había que levar a cabo. O pasado ano desde o concello adquirimos unha máquina hidrolavadora con varios tipos de lanzas e un prato fregador o que permite aos operarios mellorar a limpeza nas unións cos edificios, usar presión nos bordos e poder lavar as beirarrúas tanto de baldosa como de pedra”, explicou o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.
Os traballos comezaron na contorna da Praza de Santa Ana e na Avenida de Ourense e está previsto que continúen durante os próximos tres meses ata chegar ao conxunto das zonas peonís da vila.
Ademais da limpeza das beirarrúas, o plan inclúe tamén actuacións sobre o mobiliario urbano de pedra situado nas distintas prazas e espazos verdes do municipio.