Chantada impulsa a creación dunha gran zona verde entre as rúas Emilia Pardo Bazán e Ribeira Sacra

O Concello de Chantada avanza nos traballos para crear unha nova zona verde entre as rúas Emilia Pardo Bazán e Ribeira Sacra, unha actuación que está a executar a brigada municipal de Parques e Xardíns e que se desenvolverá en distintas fases.
Nesta primeira etapa levouse a cabo o acondicionamento do terreo, con tarefas de desbroce e retirada de materiais, sobre unha superficie duns 1.000 metros cadrados situada na parte baixa da zona de actuación.
Segundo explicou o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, “esta obra permite desatascar o embude que había na rúa Ribeira Sacra. Posteriormente actuarase na parte alta, creando unha mellora nos accesos aos edificios e completando unha gran área de 2.000 m²”.
O proxecto inclúe a pavimentación da rúa Ribeira Sacra con mestura asfáltica en quente, así como a construción dunha beirarrúa que unirá ambas as rúas. Ademais, realizarase o pintado das prazas de estacionamento e instalarase a correspondente sinalización viaria.
Unha vez rematadas as tarefas de desbroce, comezarán os traballos para conectar a beirarrúa situada na marxe dereita da rúa Ribeira Sacra, unha actuación que, segundo o rexedor, “mellorará de xeito significativo a seguridade entre Ribeira Sacra e Pardo Bazán”.
O Concello destaca que esta intervención non só contribuirá a mellorar a circulación e a seguridade na contorna, senón que tamén permitirá transformar este espazo nunha ampla zona verde destinada ao lecer da veciñanza. O proxecto prevé a instalación de pérgolas, mobiliario urbano, a plantación de especies autóctonas e a creación doutras dotacións para configurar un novo espazo de encontro e desfrute para familias e residentes.