Chantada conecta artesanía, arquitectura e territorio nunhas xornadas sobre os oficios tradicionais

A Fundación Artesanía de Galicia celebrará os días 26 e 27 de setembro en San Cristovo de Mouricios, en Chantada, unha nova edición das xornadas "Oficio, arquitectura e territorio", unha iniciativa destinada a explorar os vínculos entre a arquitectura, a artesanía contemporánea, os saberes construtivos tradicionais e a paisaxe.
O encontro, comisariado por Alejandro García Hermida, director da Fundación Culturas Constructivas Tradicionales, chega á súa cuarta edición despois de poñerse en marcha en 2023. A proposta busca favorecer a modernización e innovación do sector artesanal galego partindo dos oficios tradicionais, dos recursos e materiais locais e da súa relación coa contorna rural.
As xornadas converterán Chantada nun punto de encontro entre profesionais da arquitectura e mestres de diferentes oficios relacionados coa construción. O programa analizará como as culturas construtivas locais contribuíron a configurar a identidade das paisaxes e dos territorios, desde o emprego de materiais e sistemas vernáculos ata a súa aplicación en muros, edificios, bancais, pontes ou canles.
A programación abrirase cunha conferencia do arquitecto portugués Fernando Cerqueira Barros, especializado en patrimonio. A partir de aí desenvolveranse diferentes mesas de diálogo arredor da transmisión dos coñecementos, a colaboración entre arquitectos e artesáns, a identidade das comunidades e a relación dos oficios co lugar no que se desenvolven.
Entre os participantes figuran profesionais procedentes de diferentes puntos de España e Portugal, como o teitador Manuel Monteserín; os especialistas en artesoados Paco Luis Martos e Florencia Iracema; os escultores en madeira Miguel Ángel Tapia e Guillermo Bornstein; o carpinteiro Max Rutgers; o arquitecto Oriol Roselló; o Estudio Correoviejo; Luis Prieto, especialista en estucos e revestimentos tradicionais; Arrokabe Arquitectos ou o mestre de obra Jesús Adeva.
A representación galega incluirá tamén o escultor lucense Octavio Vázquez, o canteiro Xosé Calviño Doval e a arquitecta Celsa Pesqueira. A clausura correrá a cargo de Rebeca Gómez-Gordo Villa, directora de Proxectos da Fundación Culturas Constructivas Tradicionales.
A programación terá continuidade os días 28 e 29 de setembro co obradoiro "As cores naturais na construción actual", impartido por Luis Prieto. A formación afondará no emprego de pigmentos naturais autóctonos, na extracción e elaboración de materias colorantes, no moído dos pigmentos e nas diferentes posibilidades de utilización da cor.
A parte práctica permitirá elaborar pinturas a partir de materiais como madeira, leite, ovo, sodio ou cal para crear un mostrario de técnicas e materiais. O curso desenvolverase de 10.00 a 14.00 e de 15.30 a 19.30 horas e contará con só 12 prazas. Tanto para as xornadas como para esta formación específica xa está aberto o prazo de inscrición a través da páxina web da Fundación Artesanía de Galicia.