Chantada comeza a prepararse para o eclipse de agosto cunha charla divulgativa

Chantada acolleu este martes unha das xornadas divulgativas organizadas pola Xunta de Galicia para preparar o sector turístico ante a eclipse solar prevista para o vindeiro 12 de agosto. A iniciativa, impulsada a través da Axencia de Turismo de Galicia, enmárcase nun programa dirixido aos destinos Starlight co obxectivo de coordinar accións co tecido turístico local.
Na actividade participou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, quen estivo acompañado polo presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, o máximo responsable da Confederación Galega de Empresarios de Hostalería e Turismo, Cheché Real, e o alcalde da localidade, Manuel Lorenzo, entre outros asistentes.
Durante a súa intervención, Arias destacou o potencial da provincia lucense para a observación deste fenómeno astronómico, sinalando que será un dos mellores puntos de Galicia debido á ampla presenza da franxa de totalidade no seu territorio. Segundo explicou, a Administración autonómica traballa para sacar partido desta situación privilexiada desde o punto de vista turístico.
Neste contexto, avanzou que estas accións divulgativas terán continuidade o vindeiro 10 de maio na comarca dos Ancares, cunha nova sesión que se celebrará na Casa do Concello de Navia de Suarna. As xornadas ofrecen información práctica sobre a eclipse, incluíndo recomendacións para unha observación segura, localizacións idóneas e nocións básicas para a fotografía do evento, con simulacións e exercicios prácticos.
Ademais, a Xunta puxo en marcha unha páxina web específica centrada neste acontecemento, que recolle información útil para a cidadanía. A plataforma inclúe un mapa interactivo que permite consultar datos detallados por concello, como horarios, duración, tipo de eclipse —total ou parcial— e previsión meteorolóxica, contidos que se irán actualizando conforme se achegue a data.
A eclipse do 12 de agosto terá un carácter excepcional, xa que non se rexistraba un fenómeno similar na Península Ibérica desde 1912 e non volverá producirse outro total ata o ano 2180. A fase de totalidade, na que a lúa cubrirá completamente o sol, só será visible desde catro países, entre eles España.
En Galicia, a franxa de totalidade cruzará o territorio desde Estaca de Bares, no concello de Mañón, ata a comarca de Valdeorras, afectando a áreas das catro provincias. En total, 143 concellos galegos situaranse na zona de observación privilexiada, o que representa o 45,6% do territorio, mentres que no resto poderá verse de maneira parcial.