Carballedo pon en marcha un programa itinerante para fomentar a convivencia veciñal polas súas parroquias

RibeiraSacraXa
A iniciativa percorrerá distintos núcleos do municipio ata xaneiro, combinando actividades para todas as idades coa posta en valor do patrimonio cultural e artístico local
Rede Activa Carballedo
13 Nov 2026

O Concello de Carballedo continúa co desenvolvemento de ‘Rede Activa Carballedo’, un programa pensado para reforzar os lazos entre os veciños e veciñas do municipio a través de encontros itinerantes polas súas distintas parroquias. A proposta, aberta a persoas de todas as idades, busca ademais achegar á poboación o patrimonio artístico e cultural do territorio.

Tras o primeiro encontro celebrado en Santa Baia a comezos de mes, a iniciativa continúa o seu percorrido con novas citas programadas en varios puntos do concello. A próxima sesión terá lugar o 20 de novembro no local social de A Eireixe, na parroquia de Aguada. As actividades continuarán o 4 de decembro no local da Escola de Buciños.

O calendario complétase con encontros posteriores no local social da Touza, en Oleiros, así como nos locais sociais de Rubiás e de Veascós, estes dous últimos programados para finais de xaneiro.

Todas as sesións desenvólvense os venres, en horario de 16.30 a 18.30 horas. Dende a organización destacan que o proxecto busca “tecer redes que activan o rural e fortalecen a veciñanza e o seu empoderamento”, aproveitando cada encontro para afondar no patrimonio artístico e cultural propio de cada parroquia.

As persoas interesadas en participar ou que desexen máis información poden inscribirse chamando ao teléfono 982 46 62 01.

A iniciativa está organizada polo Concello de Carballedo e conta coa colaboración de Cruz Roja (a través da súa Cantina Social), a Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo, e a Cátedra UNESCO Transformative Education: Science, Communication and Society, tamén da Universidade de Vigo.

0.14277601242065