Bóveda mellorará o pavillón polideportivo municipal

RibeiraSacraXa
As actuacións suporán un investimento de máis de 90.000 euros
Pavillón Polideportivo Municipal de Bóveda
Pavillón Polideportivo Municipal de Bóveda
27 Nov 2024

O Concello de Bóveda vén de obter dúas subvencións da Xunta de Galicia para acometer as melloras “imprescindibles” no pavillón polideportivo municipal, o que vai permitir un mellor uso para os e as deportistas. As actuacións suporán un investimento superior aos 90.000 euros.

Por un lado, o Fondo de Cooperación local de Xunta de Galicia destina 46.101 euros para os traballos de mellora da eficiencia enerxética da cuberta do pavillón polideportivo municipal. A eficiencia enerxética das instalación é moi baixa como consecuencia de moitos anos de antigüidade, o que fai que presente paneis translucidos moi deteriorados.

As obras consisten na mellora da envolvente térmica mediante a renovación da parte dos translucidos dos lucernarios da cuberta do pavillón, para acadar unhas prestacións térmicas axeitadas, moi superiores ás actuais e ás regulamentariamente esixibles.

Ademais, mellórase o benestar e o confort dos usuarios e dos traballadores do edificio ao conseguir unhas mellores prestacións, reducindo os gradientes de temperatura ao minimizar as entradas de calor e frío do exterior.

As actuacións proxectadas supoñen a mellora da envolvente do pavillón municipal, o que permite acadar unha instalación con mellor illamento e mellores condicións de uso.

Outras melloras nas instalacións

A maiores, as instalacións do pavillón están obsoletas polo que o Goberno local solicitou unha axuda para a súa reforma e adecuación, actuando sobre os acabados, sobre os accesos e carpinterías e sobre a instalación eléctrica e as instalacións térmicas, que presentan unha serie de carencias e deficiencias.

As actuacións proxectadas van encamiñadas, entre outros obxectivos, a mellorar a eficiencia, as prestacións e a seguridade das instalacións, incluíndo as instalacións de iluminación interior e de auga quente sanitaria.

En concreto, vaise levar a cabo a renovación do pavimento da entrada e das paredes e teitos; carpintería  e cerramento exterior cunha nova porta de acceso principal e cinco novas portas de acceso peonís; unha escaleira de acceso lateral; a renovación do cerramento da fachada e dos vidros existentes; iluminación interior de locais auxiliares cun cambio de tecnoloxía mediante de novas luminarias LED; e subministro e instalación de auga quente sanitaria nos vestiarios.

O orzamento desta obra é de 46.854 euros, dos cales a Xunta de Galicia achega 40.000 euros en dúas anualidades. O restante achégao o Concello de Bóveda.

O alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, destaca a importancia deste investimento, o que permitirá “dispor dunhas instalacións renovadas, que van ver melloradas a súas funcionalidades e prestacións para uso e desfrute de todos os usuarios e usuarias”.

 

0.1672260761261