As XLI Xornadas de Folclore regresan o luns para levar a música e a danza tradicional de seis países a 16 concellos da provincia

GaliciaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
Preto de 170 artistas de Armenia, Ecuador, México, Serbia, Taiwán e Senegal participarán nesta edición, que arranca o 10 de agosto no Teatro Principal de Ourense
xornadas-de-folclore-2025
7 Aug 2026

As XLI Xornadas de Folclore comezarán o vindeiro luns, 10 de agosto, cunha cerimonia inaugural no Teatro Principal de Ourense, dando inicio a un percorrido que levará espectáculos de música e danza tradicional a 16 concellos da provincia ata o 20 de agosto.

O acto de apertura celebrarase ás 20.30 horas e incluirá o tradicional desfile de bandeiras das delegacións participantes, ademais dunha actuación do grupo Castro Floxo, pertencente á Escola Provincial de Danza.

Nesta edición, preto de 170 artistas procedentes de Armenia, Ecuador, México, Serbia, Taiwán e Senegal compartirán co público as tradicións folclóricas dos seus países a través de diferentes espectáculos. A representación de Senegal substitúe finalmente á agrupación de Kenya, que non poderá participar por problemas de última hora.

Desde o martes 11 de agosto, as actuacións chegarán aos concellos de Allariz, A Rúa, Bande, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Castro Caldelas, Celanova, Entrimo, Maceda, Manzaneda, Ribadavia, A Pobra de Trives, Verín, Viana do Bolo e Xinzo de Limia.

As agrupacións participantes nesta edición son Sebastia Dance Ensemble - Taron Aesthetic Center, de Armenia; Elenco Ñukanchik, de Ecuador; Compañía Nacional de Danza Folklórica de Nieves Paniagua, de México; Folk Dance Group "Tucović", de Serbia; YiTzy Folk Dance Theatre, de Taiwán; e Ballet Jammu, de Senegal.

Ao longo do festival, cada localidade acollerá as actuacións de dúas formacións internacionais. As únicas excepcións serán as citas do martes 18 de agosto na Praza Maior de Ourense e do mércores 19 no Auditorio do Castelo de Ribadavia, onde actuarán conxuntamente as seis delegacións antes da súa despedida definitiva, prevista para o día 20.

As Xornadas de Folclore están organizadas pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia e dos concellos participantes.

0.12237119674683