As obras de supresión dos pasos a nivel de Juan Montes e Rioseco retomaranse en outubro tras axustes técnicos no proxecto

As obras para a supresión dos pasos a nivel de Juan Montes e Rioseco volverán activarse previsiblemente no mes de outubro, tras a paralización temporal dos traballos motivada pola necesidade de introducir diversas modificacións técnicas no proxecto.
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e o subdirector de Pasos a Nivel e Instalacións de Protección e Seguridade de ADIF, Roberto Muela, visitaron este luns a zona de actuación, onde explicaron as causas da interrupción e o estado actual da planificación. Segundo avanzaron, os traballos continúan agora en fase administrativa para adaptar o proxecto e permitir a súa reanudación nun prazo aproximado de seis meses.
A actuación, cun investimento global de 8,3 millóns de euros, considera a eliminación dos pasos a nivel situados na liña León–A Coruña, no tramo Ourense–Monforte–Lugo, e supón unha intervención estratéxica para mellorar a seguridade viaria e a mobilidade na contorna.
Durante a visita, o alcalde explicou que a paralización responde a varias incidencias técnicas aparecidas durante a execución. Entre elas, sinalou problemas relacionados coa estabilización do terreo e da capa de firme, que non presentaba as condicións previstas inicialmente e que obriga a incorporar novas solucións construtivas.
Tamén se detectou a presenza dunha capa de solo con sulfatos que require un tratamento específico, diferente ao inicialmente proxectado, así como a necesidade de modificar a estrutura do paso inferior previsto, coñecido como hinca, que estaba deseñado para dúas vías e finalmente deberá adaptarse a tres.
Outra das cuestións abordadas é a existencia de filtracións de auga que requiren a instalación dun sistema de drenaxe específico cara ao río Seco, así como a reconfiguración da infraestrutura da catenaria, xa que a actual estrutura quedará sen servizo tras a posta en marcha dunha nova instalación eléctrica.
O subdirector de ADIF, pola súa banda, subliñou que “as obras non están paradas, senón que estamos facendo un traballo administrativo importante pero invisible”, en referencia aos axustes técnicos que se están realizando. Tamén destacou a complexidade da intervención, cualificando o proxecto como unha obra de gran envergadura técnica.
O alcalde puxo en valor a importancia desta actuación, que definiu como “un dos proxectos de transformación urbana máis importantes executados en Monforte nas últimas décadas”, salientando o seu impacto na mellora da mobilidade e na conexión entre o barrio da Estación e o resto da cidade.
O proxecto, adxudicado á UTE formada por Civis Global e Extraco, contempla a creación de novos viarios, unha rotonda e un paso inferior para vehículos e peóns, ademais da reordenación do tráfico na contorna ferroviaria. Segundo a planificación actual, a finalización completa da urbanización e supresión dos pasos a nivel prevese para finais de 2027.