As obras de ampliación do CEIP Ben-Cho-Shey avanzan para atender o incremento de alumnado no Pereiro de Aguiar

As obras de ampliación do CEIP Ben-Cho-Shey continúan avanzando a bo ritmo no Concello do Pereiro de Aguiar. A actuación responde ao incremento da matrícula rexistrado nos últimos anos e busca adaptar as instalacións ás necesidades do alumnado de Educación Infantil e Primaria.
O proxecto conta cun investimento de preto de dous millóns de euros por parte da Consellería de Educación da Xunta de Galicia e permitirá ampliar a capacidade do centro educativo mediante a creación de novas aulas e servizos.
Ademais da construción de novos espazos, a actuación inclúe melloras nas instalacións xa existentes co obxectivo de optimizar o funcionamento do colexio.
Unha vez rematada, a ampliación permitirá dar resposta ás necesidades de preto de 300 alumnos e alumnas do municipio, reforzando a capacidade do CEIP Ben-Cho-Shey para atender o crecemento da comunidade educativa.