As iniciativas do Courel e da Ribeira Sacra piden máis espazos de encontro tras un obradoiro organizado en Ribas de Sil

RibeiraSacraXa
O encontro xuntou a preto de 25 persoas de asociacións, cooperativas, pequenas empresas, autónomos e entidades públicas, unha cuarta parte delas procedentes de cooperativas
Ribas de Sil letras (redimensionado)
23 Nov 2026

Reforzar os espazos de coordinación, impulsar colaboracións concretas que arrinquen con proxectos modestos e garantir que as iniciativas máis pequenas accedan en igualdade de condicións aos recursos dispoñibles. Estas son as principais conclusións extraídas de 'O Fiadeiro. Territorios que conectan', o encontro organizado por Aventeira durante a fin de semana do 21 e 22 de novembro no Xeocámping Montañas do Courel, situado en San Clodio (Ribas de Sil), no que participaron proxectos do Xeoparque e doutros puntos da Ribeira Sacra.

A xornada contou coa intervención inicial do alcalde de Ribas de Sil e presidente do Xeoparque Montañas do Courel, así como coa participación do GDR Ribeira Sacra-Courel, o HUB de Emprendemento e Innovación do Xeoparque, o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra e a unión de cooperativas EspazoCoop.

A primeira xornada, o sábado, centrouse en que as distintas iniciativas se desen a coñecer entre si: cada unha explicou a súa actividade e as súas necesidades, e pola tarde organizáronse encontros bilaterais segundo os intereses manifestados durante a mañá. Segundo trasladaron as persoas asistentes, o máis valorado foi poder poñerlle cara a proxectos próximos e descubrir vías de colaboración que ata agora non se tiñan plantexado.

O domingo, o traballo desenvolveuse en dúas mesas dedicadas a analizar a viabilidade económica dos proxectos no medio rural, o turismo sostible e as fórmulas para sosteren no tempo as colaboracións entre entidades. En ambas as dúas mesas xurdiu unha idea compartida: a necesidade de deixar atrás as dinámicas localistas e reforzar o sentimento de pertenza a un mesmo territorio.

Destas xornadas extraéronse catro liñas de traballo: xerar máis espazos de encontro e coordinación entre as iniciativas da zona; empezar por colaboracións pequenas e manexables que permitan xerar confianza antes de afrontar proxectos de maior envergadura; facilitar que as entidades máis pequenas poidan acceder a oportunidades, recursos e redes en condicións equitativas; e construír un tecido económico arraigado no territorio capaz de xerar actividade sostible e valor social desde os principios da economía social e solidaria.

Unha cuarta parte das persoas asistentes procedía de cooperativas, o que situou ao cooperativismo e á economía social e solidaria no centro de boa parte dos debates, como modelos de emprendemento ligados ao territorio, á sustentabilidade e ás respostas colectivas.

O coordinador de Aventeira, Aitor Novo, resumiu así o balance do encontro: "Saímos do Courel con máis contactos dos que levabamos e coa sensación de que hai ganas de seguir. Non precisamos grandes proxectos para empezar; abonda con que dous ou tres iniciativas se poñan a facer algo xuntas".

As persoas participantes coincidiron en pedir continuidade a este tipo de encontros, de xeito que os contactos establecidos durante a fin de semana poidan traducirse en proxectos compartidos. Desde Aventeira aseguran que xa están estudando como darlle seguimento ao traballo iniciado no Courel, incluíndo formatos cun enfoque máis sectorial que permitan seguir tecendo redes e consolidando unha base común no territorio.

O encontro contou coa colaboración do Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel, o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra e EspazoCoop, e foi financiado pola Confederación Empresarial Española da Economía Social (CEPES), que actúa como organismo intermedio do Programa de Emprego, Educación, Formación e Economía Social (EFESO), cofinanciado polo FSE+.

Neste marco, o Fondo Social Europeo Plus, a través de CEPES como organismo intermedio do programa EFESO, cofinanciou con 120.744 euros o proxecto 'Aventeira 360: Un plan sostible para a consolidación', impulsado por Aventeira S. Coop. Galega. A iniciativa desenvolverase entre xaneiro de 2025 e decembro de 2027 e está orientada ao crecemento, fortalecemento e consolidación desta entidade.

0.13617610931396