As bibliotecas escolares de Sober e Quiroga consolídanse como referentes de innovación educativa e fomento da lectura

RibeiraSacraXa
Ambos centros forman parte do PLAMBE e destacan pola súa aposta por integrar a biblioteca no funcionamento diario da comunidade educativa e no desenvolvemento de proxectos transversais
biblioteca-ceip-sober
14 May 2026

Os colexios Virxe do Carme de Sober e CEIP de Quiroga afianzan o seu papel como modelos de innovación educativa grazas ao traballo desenvolvido arredor das súas bibliotecas escolares, convertidas nos últimos anos en auténticos espazos de aprendizaxe, creatividade e dinamización cultural.

Ambos os dous centros forman parte do Plan de mellora de bibliotecas escolares (PLAMBE) desde os cursos 2014/2015 e 2017/2018, respectivamente, e destacan pola súa aposta por integrar a biblioteca no funcionamento diario da comunidade educativa e no desenvolvemento de proxectos transversais.

No Colexio Plurilingüe Virxe do Carme, a lectura ocupa un lugar central na actividade do centro a través de iniciativas como a Hora de Ler, unha proposta diaria na que participa todo o alumnado e que busca consolidar hábitos lectores desde as primeiras etapas educativas. O proxecto converteuse nun dos sinais de identidade do centro e nunha ferramenta de mediación lectora e convivencia.

Pola súa banda, o CEIP de Quiroga emprega a biblioteca como motor de proxectos documentais relacionados coa contorna natural, cultural e medioambiental da montaña lucense. A través destas iniciativas, o alumnado traballa de maneira interdisciplinar cuestións vinculadas ao territorio, á investigación e ao coñecemento do patrimonio próximo.

Os dous centros coinciden nun modelo de biblioteca escolar entendido máis alá do préstamo de libros, como un espazo activo que impulsa metodoloxías innovadoras, fomenta a participación e reforza a conexión entre o alumnado e a súa contorna.

Durante unha visita institucional aos centros, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, destacou o “compromiso do profesorado por converter as bibliotecas en espazos vivos” e o papel que desempeñan “na formación do alumnado e na conexión coa contorna”.

0.13085198402405