'Artur Ui, o ovo da serpe' chega este xoves ao Edificio Multiusos de Monforte de Lemos

RibeiraSacraXa
A compañía Talía Teatro representa este xoves unha adaptación de Bertolt Brecht que reflexiona sobre os mecanismos do poder, dentro da programación teatral de outono do Edificio Multiusos
Artur Ui Monforte
21 Oct 2026

O Edificio Multiusos de Monforte de Lemos recibe este xoves, 22 de outubro, ás 20.15 horas, unha nova representación dentro do ciclo teatral de outono. Nesta ocasión será a quenda de 'Artur Ui, o ovo da serpe', posta en escena pola compañía galega Talía Teatro.

A función forma parte da programación cultural que o Concello de Monforte desenvolve a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios de AGADIC, da que o municipio forma parte, xunto cos Circuítos de Teatro Profesional e Afeccionado impulsados pola Deputación de Lugo. Esta colaboración permite ofrecer á veciñanza unha variada oferta escénica ao longo do último trimestre do ano.

Trátase dunha peza pensada para público adulto, cuxa entrada ten un custo de 5 euros, cunha tarifa reducida de 3 euros para estudantes, persoas desempregadas e xubiladas.

A obra está asinada orixinalmente por Bertolt Brecht, con adaptación de Quico Cadaval e Diego Rey, e dirección do propio Cadaval. Sobre o escenario estarán Toño Casais, Marta Lado, Dani Trillo, María Ordóñez, Marta Ríos, Diego Rey, Xurxo Barcala e Artur Trillo.

A proposta retoma o estilo do teatro épico para analizar, con ton crítico e irónico, a realidade actual. Máis alá de recuperar un clásico do século XX, a produción afonda en como funcionan os engrenaxes do poder e na natureza do autoritarismo, trazando un paralelismo co presente, marcado polo rexurdir de discursos e movementos de corte fascista.

Esta cita enmárcase nunha programación teatral máis ampla que se estenderá ata decembro, cun total de 12 espectáculos entre outubro e decembro, combinando compañías profesionais e grupos de teatro afeccionado, tanto no Edificio Multiusos como na Casa da Cultura. Entre as próximas propostas figuran '#Influencers', de Negro López (29 de outubro); 'Os dous de sempre', de Mofa e Befa (5 de novembro); 'A Rateira', do grupo Argalleiras Teatro (6 de novembro, entrada gratuíta); 'A Metamorfoso', de Sarabela Teatro (12 de novembro); e outras citas con entrada gratuíta como 'Vermello', de Rebuldeira Teatro-Sarria, ou 'A Revolución, 1789... ou por aí', de Teatreiras Monforte.

Con esta oferta, o Concello busca manter vivo o acceso da cidadanía ás artes escénicas e seguir impulsando a difusión do teatro galego entre distintos públicos.

0.14038705825806