Continúa na Pobra do Brollón o programa de visitas guiadas de verán

RibeiraSacraXa
Baixo o lema Déixate Guiar ofértanse ata o 31 de agosto cinco percorridos diferenciados
cova-das-choias-brollon
Unha das visitas e o programa
17 Aug 2024

Continúa o programa de visitas guiadas de verán do Concello da Pobra do Brollón baixo o lema Déixate Guiar, co que se ofertan ata o 31 de agosto cinco visitas para coñecer o patrimonio natural, cultural e arqueolóxico do municipio.

As visitas vinculadas á arqueoloxía son o Castro de San Lourenzo de Cereixa, Penas do Castelo en Salcedo, e mais Entre Pataos e Os Conventos, na ribeira de Vilachá de Salvadur. Estas visitas divulgan as pescudas realizadas no marco dos seus respectivos proxectos de arqueoloxía en comunidade, incorporando datos e historias recollidos dos veciños.

A visita Entre Pataos e Os Conventos compleméntase moi ben coa das adegas medievais de Vilachá, onde os visitantes poden coñecer o lugar e catar algún dos viños locais, incluídas na D.O. Ribeira Sacra.

Por último, a visita a Cova das Choias en Óutara permite coñecer o musgo luminescente, as colonias de morcegos e máis os seres mitolóxicos que habitan o lugar. Trátase dunha visita de acceso limitado para protexer a flora e fauna da cova, polo que se permite un máximo de dez persoas por visita e unicamente dúas visitas á semana (martes e xoves).

O resto de visitas son baixo demanda de martes a sábado. Son gratuítas excepto a visita ás adegas de Vilachá que ten un custe de 3 euros para a cata de viño.

A reserva é obrigatoria para todas as visitas no teléfono 622 952 078, preferentemente por WhatsApp. Para máis información, as persoas interesadas poden contactar nese teléfono ou consultar a páxina web do Concello da Pobra do Brollón.

0.16101789474487