Antonio Carrera logra o recoñecemento do público nas exposicións de pintura de Ribeira Sacra Cultural

GaliciaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
O cadro “Vendimia extrema, Ribeira Sacra” do pintor ourensán foi o máis votado na iniciativa “O meu cadro preferido 2026”
antonio-carrera
21 Aug 2026

A obra “Vendimia extrema, Ribeira Sacra”, do pintor ourensán Antonio Carrera Ramos, foi a máis votada polo público na iniciativa “O meu cadro preferido 2026”, desenvolvida con motivo das exposicións de pintura organizadas por Ribeira Sacra Cultural durante este verán.

A mostra pasou ao longo do verán por catro salas: o claustro do Mosteiro de Santa María de Montederramo, as Casas da Cultura de Ferreira de Pantón e Quiroga e o Consorcio Local de Os Peares. As persoas que visitaron as exposicións tiveron a posibilidade de votar para elixir o seu cadro preferido. O resultado fíxose público durante o acto de clausura, no que se deu a coñecer a obra que obtivo o maior respaldo.

A vendima e todo o relacionado con ela volven situarse entre as temáticas preferidas polo público da Ribeira Sacra. En 2025, o recoñecemento recaera na obra “Poda heroica”, de Mayte González, mentres que nesta edición os cadros máis votados tamén teñen como protagonista o mundo da vendima.

A obra de Antonio Carrera representa unha escena de vendima na que predominan as cores amarelas, ocres e verdes. Nela aparecen tres figuras humanas realizando as tarefas propias da vendima nunha zona caracterizada polas súas pendentes extremas.

A escena está enfocada desde o alto e ao fondo non aparece o ceo, senón as profundidades do canón, co paso das augas do río. A técnica utilizada polo artista é óleo sobre táboa.

O segundo posto entre as obras preferidas polos votantes foi para Simón Muñoz, con “Gestianna, deusa do viño”. Unha das persoas participantes na votación fixo unha observación sobre a ausencia de acios de uvas na obra, ao que o pintor respondeu que “á deusa só se lle ofrecen as mellores uvas de cada acio”.

Gestianna é presentada como a deusa sumeria, anterior a gregos e romanos. Simón Muñoz Veiga é coñecido polos seus retratos femininos a raíz da exposición realizada en 2025, titulada “As meniñas”. A técnica máis utilizada polo artista, tamén nesta obra, é o pastel.

A Asociación Ribeira Sacra Cultural pechará a súa programación de verán o vindeiro 30 de agosto, pero antes, o domingo 23 comezará o VIII Fest Clásico Ribeira Sacra, que ofrecerá concertos en Os Peares, San Martiño de Nogueira, para os amantes do románico, e nos auditorios de Chantada e Quiroga.

O festival contará con programas que inclúen obras para música de cámara con piano, unha proposta que se incorpora por primeira vez ao certame.

0.12844491004944