Ana Pontón e Olalla Rodil reclaman en Monforte melloras ferroviarias para Lugo de cara ao 29-N

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) escolleu a estación de ferrocarril de Monforte de Lemos como escenario para iniciar o seu primeiro día de campaña de cara ás eleccións do 29 de novembro, centrando a súa intervención nas necesidades ferroviarias da comarca e da provincia de Lugo no seu conxunto.
A portavoz nacional da formación, Ana Pontón, trasladou o seu compromiso de traballar desde Madrid para consolidar Monforte como un nó estratéxico dentro da rede ferroviaria galega, tanto no relativo ao transporte de persoas como ao de mercadorías. Segundo defendeu, esa posición podería aproveitarse para dinamizar a actividade económica e o emprego na zona.
Durante a súa intervención, Pontón sostivo que é necesario reverter o que cualificou como un trato desigual por parte das administracións estatais cara ao territorio, e defendeu que Lugo non pode quedar á marxe das melloras ferroviarias, ao tratarse este medio de transporte dunha ferramenta clave tanto para o futuro da mobilidade como para corrixir desequilibrios entre distintas zonas do territorio.
O acto contou tamén coa participación de Olalla Rodil, cabeza de lista do BNG por Lugo, quen acompañou a Pontón na presentación das propostas ferroviarias da formación. Ambas coincidiron en remarcar que vivir no interior de Galiza non debería traducirse en menos servizos, menos oportunidades nin menos investimento.
Entre os compromisos recollidos na Axenda Galega do BNG, Pontón mencionou a recuperación dos trens nocturnos, a posta en marcha de servizos de cercanías e o reforzo do transporte de mercadorías. A isto súmase a aposta por establecer unha conexión ferroviaria co porto seco de Monforte, unha infraestrutura que, a xuízo da portavoz, segue a amosar sinais de abandono institucional: por unha banda, porque a plataforma loxística continúa sen estar plenamente urbanizada nin dotada de servizos; e por outra, porque aínda non conta coas conexións necesarias coa rede ferroviaria nin coa estrada N-120.
Pontón tamén fixo balance da lexislatura saínte, na que, segundo explicou, o BNG conseguiu incluír melloras para o ferrocarril interior dentro do acordo de investidura, o que permitiu iniciar as obras de electrificación da liña entre Lugo e Ourense. Con todo, insistiu en que queda traballo pendente e en que resulta necesario que Galiza gañe peso político en Madrid para facer valer as súas reivindicacións, algo que vinculou ao apoio electoral ao BNG nos comicios do 29 de novembro.
Entre as actuacións que a formación defenderá en Madrid atópanse a ampliación das obras no corredor A Coruña-Lugo-Monforte sen máis atrasos, a modernización das conexións ferroviarias —incluída a liña Ferrol-Ribadeo— e o impulso dunha conexión ferroviaria directa entre Santiago e Lugo. No ámbito das mercadorías, Pontón sinalou como obxectivo completar o Corredor Atlántico, tanto no eixo Ourense-Monforte-Lugo como no tramo León-Monforte, situando o ferrocarril como un elemento estratéxico para o desenvolvemento económico e social desta parte do territorio.
Pola súa banda, Rodil puxo en valor o traballo realizado na pasada lexislatura polo único deputado do BNG no Congreso para poñer en marcha as obras de modernización e electrificación da liña Lugo-Ourense, actualmente en fase de probas. Aínda así, remarcou que queda un longo camiño por percorrer para que Lugo conte cunha conexión ferroviaria acorde ás súas necesidades, e reclamou a recuperación de frecuencias que se perderon co tempo.
Ambas as dirixentes coincidiron en que quen vive e traballa nas comarcas lucenses merece un servizo ferroviario adaptado ás necesidades actuais da poboación.