Agroma Sober-IGV denuncia atrasos e fallos na limpeza de fincas para previr incendios

RibeiraSacraXa
A formación reclama medidas estruturais fronte aos envíos masivos de notificacións para o desbroce de parcelas, que chegan meses despois do prazo legal e afectan tamén a fincas xa limpas
finca-maleza
Imaxe de arquivo
15 Sep 2026

O Concello de Sober está a enviar dende agosto e setembro cartas a propietarios de fincas para que xestionen a biomasa nas faixas de protección contra incendios. Segundo denuncia a agrupación Agroma Sober-IGV, estes avisos chegan varios meses despois da data límite fixada pola normativa, o 31 de maio, e envíanse de xeito xeneralizado, sen que todas as parcelas sinaladas presenten realmente unha mala xestión.

A formación sinala que algunhas persoas que manteñen os seus terreos correctamente desbrozados recibiron igualmente a notificación, incluíndo fincas situadas no ámbito da Aldea Modelo de Proendos que, aseguran, xa están completamente limpas. Ao mesmo tempo, denuncian que existen parcelas ás que resulta imposible acceder debido ao mal estado dos camiños públicos, unha competencia que corresponde ao propio concello. En contraste, apuntan que hai zonas onde a maleza leva anos afectando a vivendas sen que se interviñese, malia as queixas veciñais.

Para o grupo, este tipo de comunicacións non resolve un problema que consideran de carácter estrutural. Lembran que, tras os graves incendios de finais do verán de 2025, que afectaron severamente a Sober, se anunciou no Parlamento de Galicia a recuperación da competencia autonómica sobre a ordenación e limpeza das faixas secundarias de protección nos concellos de menos de 10.000 habitantes, como é o caso de Sober. Porén, segundo denuncian, ese compromiso non se materializou, e no seu lugar púxose en marcha un convenio de limpeza de faixas coa empresa pública SEAGA, limitado ás parroquias catalogadas de alto risco de incendio.

Este convenio, lembran, xa foi criticado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) por non contar con medios suficientes para atender aos concellos. Segundo os datos que manexan, a mediados de xuño de 2026 apenas se actuara en algo máis do 25 % das parroquias galegas priorizadas polo seu alto risco de incendio. No caso concreto de Sober, o convenio con SEAGA só cobre dúas parroquias, Doade e Anllo-San Martiño.

O grupo subliña que, aínda que a competencia recae formalmente nos concellos, os de menor tamaño carecen de medios para asumila, e consideran que o convenio con SEAGA resulta insuficiente, lento e administrativamente complexo. Ademais, lembran que moitas fincas se atopan na práctica abandonadas, con múltiples propietarios herdeiros, ou pertencen a persoas de avanzada idade que non poden contratar o servizo de limpeza nos prazos esixidos.

A isto súmase que este verán o Concello de Sober non dispuxo de brigada forestal propia, tras non lograr cubrir a praza de xefe de brigada. A convocatoria para catro postos publicouse o 16 de xuño, pero non se atopou ningún candidato que cumprise os requisitos, nin a través da oficina pública de emprego nin mediante os anuncios municipais, polo que o 7 de xullo se renunciou a pór en marcha a brigada. A agrupación relaciona esta dificultade coas condicións laborais ofrecidas: un contrato temporal de tres meses para un posto de alta responsabilidade.

Dende Agroma Sober-IGV tamén lamentan que, un ano despois do incendio que se iniciou en Pombeiro en setembro de 2025, o Concello non convocase unha xuntanza ampla para avaliar a situación, malia a preocupación veciñal e a existencia de iniciativas cidadás activas nas parroquias afectadas.

Ante este panorama, o grupo propón a creación dunha Comisión Municipal de Prevención de Incendios, cunha reunión anual antes da tempada de risco, na que participen as Comunidades de Montes Veciñais en Man Común e outros axentes do territorio, como asociacións veciñais e empresas do sector forestal, para manter actualizado o plan municipal de prevención. Piden ademais maior axilidade no mantemento de infraestruturas, camiños e liñas eléctricas.

Con motivo de todo isto, a formación rexistrou para o pleno de setembro unha interpelación ao goberno local cunha serie de preguntas: o grao de cumprimento na xestión da biomasa nas faixas de protección, o número de notificacións enviadas este ano en comparación con anos anteriores, o estado dos camiños públicos, o detalle dos traballos de reparación tras os incendios de 2025, se se solicitará á Xunta un cambio no modelo de brigadas forestais, se se impulsará a participación veciñal na política de prevención, e se existe algún trámite iniciado en relación co plan forestal da Ribeira Sacra.

0.16063690185547