AGACAL organiza en Sober unha xornada sobre a elaboración artesanal de vermús, licores e augardentes

RibeiraSacraXa
O encontro, enmarcado no ciclo de Aulas Abertas de Artesanía Alimentaria, abordou as oportunidades de diferenciación e xeración de valor engadido neste tipo de producións
Licores recurso
Imaxe de arquivo ilustrativa
13 Oct 2026

Sober acolleu este martes unha xornada dedicada á elaboración artesanal de vermús, licores, augardentes e outras bebidas espirituosas. A sesión enmárcase dentro do ciclo de Aulas Abertas de Artesanía Alimentaria que impulsa a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), un programa orientado a dar a coñecer as posibilidades que ofrece este tipo de recoñecemento para distinguir as producións agroalimentarias galegas no mercado.

O director da Axencia, Martín Alemparte, asistiu ao encontro, centrado en explicar como o selo de artesanía pode axudar a diferenciar estas elaboracións e a incrementar o seu valor engadido.

A elección de Sober como sede non é casual: a localidade sitúase nunha comarca vitivinícola que atravesa un momento de cambios nos hábitos de consumo, cunha caída na demanda de viño, en particular dos tintos, variedade pola que é especialmente coñecida a Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

Neste contexto, Alemparte salientou que a elaboración de vermús, licores, augardentes e outras bebidas espirituosas pode supoñer unha vía complementaria de diversificación para adegas e produtores da zona, ao permitir aproveitar as materias primas, a tradición e o coñecemento xa existentes no territorio. Segundo indicou, impulsar estas alternativas pode axudar a sosterse a actividade económica ligada á viticultura e, con ela, a conservar a paisaxe característica da Ribeira Sacra.

Durante a xornada puxo o foco no distintivo de Artesanía Alimentaria de Galicia como instrumento para poñer en valor a calidade, a singularidade e o saber facer de quen elabora estes produtos, facilitando así que destaquen fronte a outras alternativas do mercado. Ao respecto, lembrouse que existen normas técnicas específicas para este tipo de bebidas, que fixan os requisitos que deben cumprirse para poder optar a devandito recoñecemento.

O encontro incluíu tamén unha presentación do Consello Regulador das IXP Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, ademais da participación de representantes de tres proxectos vinculados a este sector: Adegas Celme, de Castrelo de Miño; Aguardientes de Galicia, de Vedra; e Pazo de Valdomiño, de Tomiño, que compartiron as súas respectivas experiencias na elaboración deste tipo de producións.

0.16329598426819