Adxudicado o servizo de cafetería do Complexo Deportivo da Pinguela de Monforte de Lemos

RibeiraSacraXa
O contrato, por un canon anual de 4.800 euros máis impostos, terá unha duración inicial de dous anos prorrogables e o local podería abrir as súas portas a finais de outubro ou principios de novembro
Cafetería Pinguela Monforte
14 Oct 2026

O Concello de Monforte de Lemos resolveu o proceso de adxudicación do servizo de cafetería do Complexo Deportivo da Pinguela, un espazo que agrupa a Piscina Municipal e o Pavillón Polideportivo do municipio. Así o trasladou o alcalde, José Tomé Roca, quen precisou que o novo servizo podería entrar en funcionamento a finais de outubro ou principios de novembro, en canto quede formalizado o contrato.

A decisión foi tomada este mesmo mércores, 14 de outubro, pola Xunta de Goberno Local, que acordou conceder a explotación do local á empresa constituída por Teresa Torres Neira. A adxudicataria aboará un canon mensual de 400 euros, o que equivale a 4.800 euros anuais, cantidade á que haberá que sumar os impostos correspondentes.

No referente á vixencia do contrato, fixouse un período inicial de dous anos, coa opción de amplialo mediante dúas prórrogas dun ano cada unha. Deste xeito, contando as posibles prórrogas, a concesión non poderá superar en ningún caso os catro anos de duración.

Un espazo renovado

O local destinado a cafetería foi obxecto dunha reforma completa e conta cunha superficie de 105 metros cadrados. Dispón de barra e de todo o mobiliario interior necesario para o seu funcionamento, ademais dunha ampla cristaleira que ofrece vistas directas ás piscinas.

Dado que a cafetería dará cobertura tanto á Piscina Municipal como ao Pavillón Polideportivo, o Concello prevé unha notable afluencia de público: deportistas, clubs, persoal técnico e asistentes a competicións e eventos deportivos, ademais do público xeral que utiliza as instalacións.

O alcalde subliñou a importancia de contar cun bo servizo de hostalaría no recinto: "Son moitas as persoas usuarias que utilizan diariamente estas instalacións e queremos ofrecer un servizo de calidade". Tomé Roca lembrou que, trala reforma integral primeiro do pavillón e despois da piscina, ambas as dúas infraestruturas funcionan actualmente de xeito conxunto como un único complexo deportivo.

O rexedor engadiu que o propósito do Equipo de Goberno ao impulsar esta mellora global era "crear un complexo deportivo único, eficiente e moderno", e que a posta en marcha da cafetería supón "un paso máis para mellorar os servizos que ofrecemos ás persoas usuarias".

Horarios mínimos e máximos esixidos

A cafetería deberá prestar servizo durante toda a tempada en que o complexo deportivo permaneza aberto, é dicir, de xaneiro a decembro, e terá que respectar uns horarios mínimos e máximos establecidos polo Concello.

De luns a venres, o horario mínimo esixido será de 8.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, mentres que o horario máximo permitido estenderase de 7.30 a 14.00 horas e de 15.00 a 23.00 horas.

As fins de semana e festivos contan coas súas propias franxas mínimas: os sábados, de 10.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 22.00 horas; os domingos e festivos, de 10.30 a 14.30 horas.

Está previsto que, cando se celebren eventos ou competicións deportivas en fin de semana ou festivo cuxo horario non coincida co mínimo fixado, a empresa concesionaria deba abrir o establecemento igualmente, excepto os domingos e festivos pola tarde. Nestes casos, o local terá que abrir polo menos 30 minutos antes do comezo do evento e permanecer aberto ata 30 minutos despois do seu remate.

0.15842700004578