Adxudicadas as obras de mellora da estrada LU-P-6001 en Taboada

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou a adxudicación das obras de mellora da estrada provincial LU-P-6001 á empresa Leonardo Miguélez SL. A actuación desenvolverase entre os puntos quilométricos 0+000 e 6+100, no tramo comprendido entre a vila de Taboada e Taboada dos Freires. Os traballos incluirán o arranxo integral do tramo urbano e tamén daqueles puntos da vía que presentan un maior deterioro.
O alcalde de Taboada, Roi Rigueira, destacou a importancia desta intervención ao considerar a LU-P-6001 unha infraestrutura fundamental para a mobilidade da veciñanza desta zona do municipio.
“Esta é unha actuación moi importante, xa que a LU-P-6001 é unha estrada chave para a mobilidade da veciñanza desta parte do concello, e que vén a completar o tramo que vai de Taboada dos Freires ata Xestoso, arranxado no 2023, deixando así a vía en perfecto estado”, sinalou o rexedor.
Coa execución desta obra completarase a mellora da conexión entre distintos núcleos do municipio, dando continuidade ás actuacións realizadas anteriormente nesta estrada provincial.