ADEGA leva a Monforte cinco décadas de ecoloxismo galego a través da exposición ‘50 anos coidando a Terra’

Monforte de Lemos acolle desde este xoves a exposición itinerante ‘50 anos coidando a Terra’, coa que a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) repasa cinco décadas de historia do ecoloxismo galego e das principais mobilizacións ambientais nas que participou a entidade.
A inauguración tivo lugar ao carón das Casiñas da Compañía e contou coa participación do alcalde de Monforte, José Tomé; da tenente de alcalde, Gloria Prada; do concelleiro de Medio Rural, Obras e Servizos, José Luís Losada; e do voceiro do BNG, Emilio José Sánchez. Tamén asistiron representantes de Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde e da Asociación Sarria Aire Limpo.
O acto foi conducido por Ramsés Pérez, educador ambiental de ADEGA, quen agradeceu a colaboración para facer posible a chegada da exposición á cidade. Durante a súa intervención, situou o ecoloxismo entre os movementos sociais chamados, segundo indicou, a contribuír á transformación das desigualdades e subliñou que moitas das problemáticas ambientais actuais teñen unha longa traxectoria de reivindicación.
Pérez reivindicou tamén o papel do ecoloxismo na defensa da relación entre as persoas e a natureza e destacou a importancia da participación social para afrontar os retos ambientais. Neste sentido, defendeu que “cada xesto conta” e animou a actuar ante as agresións ambientais que afectan Galicia.
Pola súa banda, José Tomé animou a veciñanza a achegarse á mostra e agradeceu a ADEGA que a exposición chegase a Monforte. A instalación permanecerá fronte ás Casiñas da Compañía ata o 13 de outubro. Tras a inauguración, as persoas asistentes realizaron un percorrido guiado polos paneis xunto a Lucía A. Anido, vogal de decrecemento de ADEGA.
A exposición está formada por 16 paneis distribuídos en catro estruturas cúbicas ao aire libre. A instalación complétase con bidóns simbólicos que representan materiais radioactivos, como referencia á oposición galega aos vertidos nucleares na Fosa Atlántica, unha das mobilizacións ambientais destacadas pola organización.
Os contidos da mostra combinan textos e imaxes para repasar a evolución de ADEGA e diferentes conflitos ambientais das últimas cinco décadas. Entre eles figuran as campañas contra as verteduras contaminantes e os incendios forestais e as iniciativas de defensa do territorio ante a especulación e os grandes proxectos industriais.
A exposición conta co apoio da Deputación da Coruña e foi creada con motivo do 50 aniversario de ADEGA. A entidade pretende tamén empregar esta iniciativa como ferramenta de educación ambiental e para promover a implicación das novas xeracións na defensa do territorio e na procura dun futuro sustentable.