Abre o prazo de solicitude para participar na 26ª edición da Mostra Artelemos

O Concello de Monforte de Lemos abre desde este martes, 21 de abril, o prazo de solicitude para participar na 26ª edición da Mostra Artelemos, que se celebrará entre os días 3 e 8 de agosto na zona peonil da rúa Cardeal. A convocatoria foi anunciada polo alcalde, José Tomé Roca, tras a aprobación das bases este luns na Xunta de Goberno Local.
Segundo recolle o documento, xa dispoñible na web municipal, as persoas interesadas deberán presentar o modelo normalizado de solicitude no Rexistro Xeral do Concello ou a través da sede electrónica. O prazo permanecerá aberto ata o 20 de maio.
O certame está dirixido a artesás e artesáns profesionais legalmente constituídos que acrediten o exercicio dunha actividade artesanal, dando prioridade aos obradoiros rexistrados en Galicia. Ademais, poderán participar tanto de forma individual como conxunta —cun máximo de dúas persoas por posto—, sempre cumprindo os requisitos establecidos, entre eles unha decoración uniforme e sen divisións interiores no stand compartido.
Para esta edición habilitaranse un total de 30 stands, cunha dimensión aproximada de entre 3 e 6 metros, que estarán operativos unicamente durante os días da mostra.
O alcalde, José Tomé, anima ao sector a sumarse á iniciativa e destaca que, durante esas datas, “Monforte de Lemos converterase nun escaparate de creatividade e do saber facer artesanal, acollendo a 30 profesionais de diferentes disciplinas”. A mostra reunirá produtos elaborados a man de ámbitos como a ourivaría, a cestería, o coiro, a la ou a olería, entre outras expresións tradicionais.
Así mesmo, o evento incluirá demostracións en vivo para que o público poida coñecer de primeira man o proceso de creación das pezas, así como obradoiros dirixidos ao público infantil.
No mesmo sentido, o rexedor subliña a importancia do sector artesanal e lembra que “Desde o Equipo de Goberno mantemos a aposta polos recursos propios do territorio, e a artesanía, feita a man con esmero e respecto pola tradición, representa un patrimonio cultural de grande valor, que enriquece a identidade local e contribúe á promoción turística da Ribeira Sacra”.
A Mostra Artelemos abrirá ao público en horario de 10.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas durante os seis días de celebración.