Abre ao tráfico o novo tramo da rúa Roberto Martínez Andrade

RibeiraSacraXa
Con esta actuación o Concello de Monforte elimina un tapón urbanístico e conecta directamente as rúas Chantada e Santiago
Apertura da rúa Roberto Martínez Andrade
Apertura da rúa Roberto Martínez Andrade
29 May 2026

O Concello de Monforte de Lemos vén de poñer en servizo desde hoxe o novo tramo da rúa Roberto Martínez Andrade, unha actuación que permite conectar directamente as rúas Chantada e Santiago e que supón a eliminación dun “tapón urbanístico” nunha zona que carecía de continuidade viaria.

O alcalde, José Tomé Roca, supervisou a apertura ao tráfico desta nova vía, cuxas obras foron executadas pola empresa Extraco cun investimento total de 132.190 euros.

A intervención consistiu na prolongación da rúa nun tramo de 57 metros de lonxitude, cunha superficie total de 692 metros cadrados e un ancho medio de 12,14 metros. O novo vial está configurado cunha calzada de dous carrís, un en cada sentido de circulación, ademais de beirarrúas a ambos lados e unha zona de estacionamento en liña nun dos laterais, incluíndo o tramo xa existente conforme á sinalización horizontal establecida.

A actuación incorporou tamén todos os servizos urbanos necesarios, como rede de saneamento, pluviais, abastecemento de auga, iluminación pública, subministración eléctrica de baixa tensión e telecomunicacións. Ademais, executáronse peches nas parcelas afectadas e instaláronse portas de acceso ás mesmas.

A sinalización complétase con marcas viarias horizontais e elementos verticais, entre eles un sinal de STOP na intersección coa rúa Santiago para os vehículos procedentes da rúa Chantada.

Durante a posta en servizo, o rexedor destacou que “a apertura deste novo tramo supón seguir avanzando no compromiso adquirido coas monfortinas e cos monfortinos para continuar mellorando as infraestruturas urbanas da cidade”, e engadiu que “despois de moitos anos, este Equipo de Goberno consegue eliminar outro tapón urbanístico, igual que xa fixemos noutras zonas da cidade como Rof Codina”.

Con esta actuación, o Concello continúa avanzando no seu programa de mellora da mobilidade e modernización da rede viaria urbana.

0.11941409111023