Aberto o prazo para solicitar o uso das instalacións deportivas municipais de Monforte na tempada 2026-2027

RibeiraSacraXa
O Concello aprobou as bases para adestramentos e actividades deportivas e establece un prazo de dez días hábiles para presentar as solicitudes
interior-pavillon-a-pinguela-voleibol-monforte
7 Jul 2026

O Concello de Monforte de Lemos abriu o procedemento para solicitar o uso das instalacións deportivas municipais durante a tempada 2026-2027. A Xunta de Goberno Local aprobou este luns, 6 de xullo, as bases que regularán a utilización destes espazos para adestramentos e actividades deportivas.

Segundo informou o alcalde, José Tomé Roca, as entidades e clubs deportivos interesados xa poden iniciar os trámites para optar ao uso das instalacións municipais na próxima tempada.

Poderán presentar solicitudes as asociacións deportivas escolares e os centros educativos que participen en programas de deporte escolar durante a campaña 2026-2027. Tamén poderán facelo os clubs, entidades deportivas e asociacións inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións que participen en competicións organizadas por federacións deportivas galegas ou españolas.

Así mesmo, inclúense as entidades rexistradas que desenvolvan actividades non oficiais enfocadas á promoción do deporte, da actividade física e do lecer entre a cidadanía ao longo da tempada.

O prazo para presentar as solicitudes será de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte á publicación da convocatoria na páxina web municipal. O Concello lembra que os clubs e entidades interesadas deberán presentar dentro do período establecido toda a documentación esixida nas bases da convocatoria.

0.12140011787415