A XXXIII Feira do Viño de Vilachá puxo fin tras unha fin de semana chea de actividades

A programación da XXXIII Feira do Viño de Vilachá chegou ao seu fin este domingo pola tarde coa tradicional cata-concurso de viños de furancho, unha actividade que xa se consolidou como o peche habitual do evento nos últimos anos.
Nesta cata, de acceso libre, o público puido degustar viños presentados a cegas polos distintos furanchos participantes e votar para outorgar os galardóns nas categorías de branco e tinto. O Premio do Público ao mellor viño branco recaeu no furancho Fidalgo, mentres que no apartado de tintos o máis votado foi AL-DE.
Pola súa banda, o xurado profesional estivo composto polos sumilleres Mónica Fernández, Juanjo Figueroa e José Argibay, xunto coa comunicadora e docente da cultura do viño Cristina Alcalá. Tras a cata e a posterior deliberación, tamén fixeron a súa elección, destacando a dificultade da decisión pola elevada calidade de todos os viños presentados.
Finalmente, o Premio do Xurado ao mellor branco foi para Outeiro, mentres que o mellor tinto foi novamente para Fidalgo.
Nesta edición participaron 13 adegas e furanchos, ademais de 11 grupos musicais que animaron a feira ao longo da fin de semana. O evento completouse con postos de artesanía e oferta gastronómica, na que non faltou o polbo durante as xornadas do sábado e do domingo.