A Xunta licita obras de reforzo do firme en tres estradas da Montaña e do sur da provincia de Lugo

LugoXa | SarriaXa | RibeiraSacraXa
Os traballos, cun investimento de máis de 3,6 millóns de euros, actuarán en 63,7 quilómetros de dez concellos
estrada-LU-633
27 Apr 2026

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas publicou na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia a licitación das obras destinadas ao reforzo do firme nas estradas LU-633, LU-546 e LU-621, cun orzamento total de 3.629.680 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, detallou que as actuacións abranguen seis tramos que suman 63,7 quilómetros e afectan a dez concellos da provincia, nos que residen máis de 45.500 persoas.

Os traballos consistirán na reposición da capa de rodadura mediante formigón bituminoso en quente, incluíndo fresados totais ou parciais da vía en función do estado do pavimento. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 25 de maio, e o prazo de execución previsto é de seis meses.

A intervención de maior envergadura realizarase na LU-633 (Pedrafita–Alto do Hospital), que concentra o 60% do investimento, cunha contía de 2,2 millóns de euros. Nesta estrada melloraranse 48,5 quilómetros en tres tramos que atravesan os concellos de Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Sarria, Paradela e Portomarín.

Na LU-546, que conecta Nadela con Monforte de Lemos, destínanse 773.700 euros para actuar en 7,4 quilómetros, con intervencións tanto en Monforte como en municipios como O Corgo, Láncara e O Páramo. Pola súa parte, na LU-621 investiranse 655.300 euros para mellorar 7,7 quilómetros entre Láncara e Baralla.

Por concellos, Pedrafita do Cebreiro concentra case un terzo do investimento total, con 1.156.600 euros. Tamén destacan as partidas destinadas a Paradela, Baralla e Monforte de Lemos, todas elas superiores ao medio millón de euros.

Segundo explicou Javier Arias, estas actuacións enmárcanse no compromiso da Xunta de manter a rede viaria autonómica en condicións óptimas de seguridade, conservación e confort, como parte da aposta polo desenvolvemento sostible, a conectividade e a seguridade viaria no territorio.

0.12231421470642