A Xunta financiará o 70 % das obras de urbanización entre a rúa Doutor Fleming e a avenida de Lugo en Chantada

RibeiraSacraXa
O convenio, enmarcado no Plan Hurbe, mobilizará preto de 111.000 euros para mellorar o pavimento, a accesibilidade e as áreas de estancia desta zona do Concello
Concello-de-Chantada
Imaxe de arquivo
9 Nov 2026

O Consello da Xunta deu luz verde á sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e o Concello de Chantada para acometer obras de urbanización no treito que une a rúa Doutor Fleming coa avenida de Lugo.

A actuación, enmarcada no Plan Hurbe, contempla un investimento próximo aos 111.000 euros. Desa cantidade, a administración autonómica achegará o 70 %, algo máis de 77.000 euros, e será ademais a encargada de contratar e executar os traballos. O Concello, pola súa banda, asumirá o 30 % restante, uns 33.000 euros, e ocuparase das xestións necesarias para facilitar a execución das obras e de incorporar ao patrimonio municipal as intervencións resultantes.

O proxecto inclúe a pavimentación e urbanización da vía, o acondicionamento do encontro entre beirarrúa e calzada na rúa Doutor Fleming, así como a mellora do acceso peonil aos portais e do acceso rodado ás garaxes. Tamén se contempla mellorar a accesibilidade da rúa e do primeiro treito de escaleiras que conecta coa avenida de Lugo, ademais de crear novas áreas de estancia e descanso.

O convenio terá efectos desde o día da súa sinatura e estará vixente ata o 31 de decembro de 2027.

0.179044008255