Os traballos para reparar a estrada entre Paradaseca e Vilarmel comezarán esta semana

RibeiraSacraXa
A Xunta e o Concello colaborarán para arranxar este tramo, único acceso rodado aos núcleos de Paradapiñol, Rugando, Cereixido e Vilarmel, que se derrubou tras as fortes choivas
derrubamento-estrada-paradaseca-quiroga
5 May 2026

As obras para recuperar o tramo da estrada municipal que conecta Paradaseca cos núcleos de Paradapiñol, Rugando, Cereixido e Vilarmel iniciaranse ao longo desta semana, segundo confirmou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.

O representante autonómico visitou esta mañá a zona afectada acompañado do alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, onde explicou que a Xunta está a colaborar co Concello para dar unha solución a este problema, malia tratarse dun viario de titularidade municipal.

Arias sinalou que na actualidade os técnicos están a avaliar tanto desde o punto de vista técnico como económico a mellor fórmula para reconstruír a estrada, que resultou danada tras o derrubamento provocado polas intensas choivas. Aínda que se habilitaron pasos provisionais para garantir o acceso, subliñou a necesidade de actuar con rapidez.

Neste sentido, avanzou que, debido á urxencia da situación, estes días desprazaranse ata o lugar as máquinas que permitirán iniciar os primeiros traballos de acondicionamento do terreo e avanzar na recuperación da vía.

0.11427903175354