A tradición vitivinícola de Pantón volveu a protagonizar a XXXI Mostra de Viños da Ribeira Sacra

A XXXI Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón pechou este domingo unha nova edición marcada pola participación das adegas da zona, as actividades arredor do viño e a gastronomía local. A cita desenvolveuse ao longo da fin de semana e reuniu no municipio distintas propostas vinculadas á promoción vitivinícola e ao enoturismo.
A programación arrancou o venres coa cata maridaxe “Sabores da Ribeira Sacra” e continuou o sábado coa celebración da primeira cata popular da Mostra, organizada por Vinosacra en colaboración co Concello de Pantón. Nesta actividade participaron diferentes adegas da denominación con viños como Corzoás Mencía 2024, Casa Moreiras Mencía 2024, Don Ventura Mencía 2025, Nogueiras Mencía 2025, Lagariza 2024, Alma das Donas Mencía 2025, Saíñas Silente 2022 e Ciudáseis Mencía 2024.
Segundo os resultados da votación popular, na que se contabilizaron 142 fichas válidas, o viño mellor valorado foi Ciudáseis Mencía 2024.
O pregón desta edición estivo a cargo do sumiller Luis Paadín, quen puxo en valor a singularidade vitivinícola da Ribeira Sacra e definiu Pantón como “o corazón da Ribeira Sacra”. Durante a súa intervención sinalou tamén que “Ribeira Sacra é a zona vitivinícola máis fermosa que coñezo” e destacou a importancia do territorio, do clima e da cultura na identidade dos viños da zona.
Paadín defendeu ademais a necesidade de “poñer en valor o clima” e apostar por elaborar “non os viños que lle gustan á xente senón os que sabedes facer”. Segundo explicou, “eu xa non pido un viño que me guste, busco viños que se parezan ao lugar do que veñen”.
Pola súa banda, o alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, asegurou que a Mostra representa “a maior honra para o concello” e destacou que a celebración servía para “brindar pola vida animando a un consumo responsable”.
Durante a xornada do sábado tamén se celebrou a IX Romaría Festa da Empanada, coa participación das panadarías Tuiriz e Tarrazo, ademais de postos de gastronomía e artesanía. As adegas participantes, así como outras entidades colaboradoras, recibiron pezas de olería de Gundivós como recoñecemento á súa implicación na cita. A programación rematou este domingo cunha verbena amenizada pola orquestra Gran Parada.