A Teixeira insta á veciñanza afectada a adaptar a caixa do contador tras a chegada dos novos medidores dixitais

O Concello de A Teixeira fixo público un bando dirixido á veciñanza cuxas vivendas se viron afectadas pola substitución dos contadores de auga analóxicos por novos equipos dixitais con telelectura, dentro do proxecto 'Ou-Intelixente: provincia da auga' (AquaOurense).
Segundo explica o Concello, tras a instalación dos novos dispositivos detectouse que, nalgúns inmobles, o novo contador non se axusta ás dimensións da caixa onde estaba aloxado o anterior. Ante esta situación, o Concello lembra que a adaptación desa caixa é responsabilidade de cada propietario, que deberá asumir o custo, xa que o proxecto non inclúe partidas destinadas a obra civil.
Para facilitar esta tarefa á veciñanza afectada, o bando recolle as medidas mínimas de referencia, de carácter aproximado, segundo o calibre do contador instalado. No caso dos equipos de 13/15 milímetros, a caixa debe ter polo menos 115 milímetros de lonxitude, 95 de anchura e 146 de altura. Para os contadores de 20 milímetros, as medidas mínimas son de 190 milímetros de lonxitude, 110 de anchura e 158 de altura. O Concello indica que quen teña dúbidas sobre o modelo instalado na súa vivenda pode dirixirse directamente ás oficinas municipais para resolvelas.
En canto aos prazos, o documento fixa un período comprendido entre o 15 de setembro e o 30 de outubro de 2026, ambos os dous incluídos, para que as persoas afectadas adapten a caixa do seu contador e o notifiquen ao Concello. Unha vez feita a adaptación, será o propio Concello o encargado de precintar de novo o contador.
O bando tamén contempla a situación de quen non poida rematar os traballos dentro dese marxe de tempo. Nese caso, estas persoas deberán igualmente poñerse en contacto co Concello antes de que remate o prazo sinalado, indicando a data na que prevén levar a cabo a adaptación.
O documento, asinado polo alcalde de A Teixeira, Xosé Vázquez Rodríguez, con data do 11 de setembro, faise público para coñecemento xeral da poboación, especialmente daqueles fogares cuxa instalación poida verse afectada por este cambio técnico.