A Sociedade Filarmónica de Monforte de Lemos leva a Pantón unha proxección con música en directo

A Casa da Cultura de Pantón será escenario, o vindeiro 29 de novembro, dunha nova cita do ciclo 'Cine na Contorna – Concerto', unha proposta que une a proxección de cine clásico coa interpretación musical en directo. A sesión está prevista para as 18.00 horas.
Nesta ocasión, o programa inclúe a película 'Siete ocasiones', dirixida por Buster Keaton en 1925, un dos títulos máis coñecidos do cine mudo estadounidense. A proxección contará co acompañamento musical en directo do grupo Kaspervek, que porá banda sonora en vivo ás imaxes do filme.
Esta actividade enmárcase dentro da programación da Sociedade Filarmónica de Monforte de Lemos, entidade que este ano celebra a súa 76ª tempada e que xa organizou 467 audicións ao longo da súa historia. O ciclo que trae esta proposta a Pantón é a segunda edición de 'Cine na Contorna – Concerto', unha iniciativa que leva este formato de cine acompañado de música en directo a distintos puntos da comarca.
A actividade conta co respaldo do Concello de Pantón e do Concello de Monforte de Lemos, ademais da propia Sociedade Filarmónica de Monforte de Lemos, que impulsa este ciclo dentro da súa tempada 2025-2026.