A Seara acolle o peche do RadioVisual do Patrimonio cun evento centrado na mocidade e a cultura tradicional

RibeiraSacraXa
Será no Centro de Interpretación da Música de Raíz e contará coa participación do alumnado do CEIP de Quiroga
RadioVisual-do-Patrimonio-2026-Ponte-nas-Ondas-A-Ribeira-de-Piquín
21 May 2026

A aldea da Seara, no concello de Quiroga, será o escenario do peche do proxecto RadioVisual do Patrimonio, unha iniciativa de dinamización cultural e educativa que ao longo desta primavera percorreu seis concellos galegos. O acto terá lugar no Centro de Interpretación da Música de Raíz e contará coa participación do alumnado do CEIP de Quiroga, que achegará contidos vinculados ao patrimonio cultural, baixo a condución do xornalista Xosé Manuel Diego Ferreira.

A emisión comezará ás 12:00 horas e terá unha duración aproximada dunha hora e media. Poderá seguirse en directo a través de internet e tamén quedará dispoñible posteriormente nas plataformas de Ponte… nas Ondas!, entidade organizadora do proxecto.

O RadioVisual do Patrimonio é unha proposta que combina música, palabra e creación audiovisual para fomentar a participación da mocidade e reforzar o vínculo co territorio e coa cultura tradicional. Forma parte da liña de apoio Territorio Cultura, impulsada pola Axencia Galega das Industrias Culturais, destinada a ampliar a oferta cultural en zonas non urbanas.

O proxecto está promovido pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas!, que conta con máis de trinta anos de traballo na recuperación e divulgación do patrimonio inmaterial galego-portugués. A entidade foi recoñecida pola UNESCO en 2022 como exemplo de boas prácticas no ámbito do patrimonio cultural inmaterial.

Neste contexto, o evento desenvolverase no Centro de Interpretación da Música de Raíz, un espazo creado a finais de 2024 e dedicado á preservación e divulgación da música tradicional galega. Promovido polo artista e artesán Xavier Blanco e pola súa muller Martina Ferradás, o centro está situado na Seara, no corazón da Serra do Courel, dentro do Xeoparque Mundial das Montañas do Courel, nun entorno de grande valor natural e etnográfico.

O centro acolle unha das coleccións máis destacadas de música de raíz de Galicia, con máis de 1.200 instrumentos tradicionais, ademais de arquivos sonoros, documentación e material audiovisual. O proxecto, froito de máis de 40 anos de investigación de Xavier Blanco, busca poñer en valor a música tradicional como parte esencial da identidade e da memoria colectiva, ofrecendo unha experiencia que permite escoitar, tocar e coñecer os sons que acompañaron a vida das comunidades galegas ao longo do tempo.

0.086256980895996