A Rede Museística Provincial de Lugo celebra o seu 20.º aniversario cunha ampla programación ata decembro

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Xa o 26 de novembro inaugurarase Arquivo de Edelmiro Méndez, unha mostra dedicada ao fotógrafo da Pontenova e comisariada por Manuel Sendón Trillo e Xosé Luis Suárez Canal
actividade-rede-museistica-deputacion
29 Oct 2026

A Rede Museística Provincial de Lugo afronta a recta final do seu 20.º aniversario cunha programación que reivindica o papel da comunidade artística como motor de creación, reflexión e transformación dos museos. Ao longo deste 2026, un total de 145 artistas participaron nunha trintena de proxectos nos catro centros que integran a rede: o Museo Provincial de Lugo, o Museo Pazo de Tor, o Museo San Paio de Narla e o Museo Provincial do Mar.

A institución, dependente da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, destaca a importancia da colaboración continuada cos artistas durante estas dúas décadas. A súa participación, as súas propostas creativas e a súa mirada crítica contribuíron a enriquecer os espazos museísticos e a desenvolver novas formas de interpretar a cultura e o patrimonio. Actualmente, as salas dos catro centros acollen simultaneamente obras de 48 artistas.

Para pechar o ano conmemorativo, a Rede Museística preparou unha intensa axenda para novembro e decembro, na que terán un especial protagonismo a fotografía, a memoria, a diversidade cultural e o diálogo entre comunidades.

En novembro, Lugo converterase nun punto de referencia para a fotografía documental e de rúa coa celebración de RuandoPhotoFest26. O festival incluirá tres inauguracións vinculadas á Rede Museística, nas que participarán 28 artistas. A primeira será o 4 de novembro, coa exposición Ruando con Luis Rueda, na praza da Deputación. O día 6 abrirán no Museo Provincial dúas novas propostas: El club de Jota Barros, que reunirá os traballos de 25 artistas na Sala Multiusos, e o Espacio Lupa, de Toño López, situado nos xardíns do museo.

A programación continuará o 10 de novembro coa inauguración de Raíces de Ceo, unha exposición fotográfica da artista venezolana Cris Bamio que retrata a experiencia compartida dun grupo de mulleres arredor do ioga. A mostra abrirá o programa conmemorativo 20 Anos de Culturas en Diálogo, desenvolvido en colaboración co terceiro sector e, especialmente, coa Asociación de Inmigrantes e Retornados Rioplatenses.

O 12 de novembro será a quenda de No interior do abandono, un proxecto do poeta Baldo Ramos e do fotógrafo Carlos Lorenzo que propón unha viaxe visual e poética polas aldeas galegas afectadas polo despoboamento e a perda da memoria. A exposición poderá visitarse na Sala de Exposicións da Deputación.

Xa o 26 de novembro inaugurarase Arquivo de Edelmiro Méndez, unha mostra dedicada ao fotógrafo da Pontenova e comisariada por Manuel Sendón Trillo e Xosé Luis Suárez Canal. A exposición reúne un legado documental, histórico e etnográfico de especial relevancia para coñecer a provincia de Lugo durante a segunda metade do século XX.

A actividade continuará en decembro co desenvolvemento do programa 20 Anos de Culturas en Diálogo, vinculado ao Museo da Migración, que celebra tamén dúas décadas de iniciativas destinadas a conectar a cultura co benestar e a promover a participación social.

Entre as propostas previstas figura a presentación de Retrospectiva. 20 anos de Culturas en Diálogo, unha revisión das experiencias de participación e convivencia impulsadas polo programa ao longo deste período. Tamén se organizará a exposición Tecendo redes. Persistir no diálogo + 126 nacionalidades, na que artistas de distintas procedencias, coordinados pola Asociación de Inmigrantes e Retornados Rioplatenses, mostrarán as súas obras no Vello Cárcere.

A programación de decembro completarase coa inauguración no Pazo de Tor de Adiante, coincidindo co Día Internacional do Migrante. A exposición irá acompañada da Caixa do Museo da Migración e posteriormente percorrerá os centros educativos que o soliciten, co obxectivo de achegar esta reflexión ao ámbito educativo e promover valores de convivencia e respecto á diversidade.

Con esta programación, a Rede Museística Provincial de Lugo culmina un ano de celebración no que reivindica a creación compartida e a participación artística como elementos fundamentais para construír museos máis abertos, dinámicos e conectados coa sociedade.

0.16229510307312