A rapazada de Ribas de Sil aprende a programar robots nun novo obradoiro en San Clodio

RibeiraSacraXa
O segundo Encontro coa Rapazada do Verán Cultural achegou aos participantes á robótica educativa con retos relacionados cos semáforos, o aparcamento e os sensores de luz
obradoiro-robotica-ribas-de-sil
26 Aug 2026

A robótica centrou o segundo dos Encontros coa Rapazada do Verán Cultural de Ribas de Sil, celebrado en San Clodio, nunha sesión práctica na que os participantes puideron achegarse á programación e ao funcionamento dos robots a través de diferentes retos.

O obradoiro, de dúas horas de duración, estivo dirixido por Ovidio Villar Marcos, catedrático de Matemáticas e especialista en robótica educativa. A actividade comezou cunha pregunta sinxela, “Que é un robot?”, que deu pé a introducir aos nenos e nenas no mundo da robótica. Un dos participantes respondeu que era “un humano de metal que non ten corazón”, unha definición que serviu como punto de partida para a sesión.

Os asistentes, organizados por parellas ou en grupos cooperativos, participaron nas diferentes propostas. Aos nenos e nenas que acoden habitualmente aos Obradoiros de Verán sumáronse tamén outros participantes que coñeceron a actividade a través das redes sociais.

Un dos primeiros exercicios consistiu en programar un robot para que funcionase como un semáforo. Posteriormente, os participantes tiveron que introducir nos computadores as instrucións necesarias para que o dispositivo completase un itinerario previamente establecido, tendo en conta as distancias e os tempos de percorrido.

A sesión tamén incluíu outros experimentos relacionados con situacións da vida cotiá. Os nenos e nenas programaron un sistema de axuda ao aparcamento similar ao utilizado nos vehículos para advertir mediante sinais acústicos da proximidade dun obstáculo.

Outro dos retos permitiulles traballar cun sensor de luz e comprobar o seu funcionamento a partir do principio que fai posible, por exemplo, que as farolas se acendan automaticamente cando diminúe a luminosidade.

Ao finalizar o obradoiro, os participantes tiveron ocasión de mostrar os traballos realizados ao alcalde de Ribas de Sil, que estivo presente durante parte da actividade.

0.14909505844116