A Praza de Abastos de Monforte celebra a campaña “Quere o teu mercado” con actividades e degustacións

A Praza de Abastos de Monforte de Lemos acolleu este sábado 30 de maio unha nova edición da campaña internacional “Quere o teu mercado”, unha proposta destinada a impulsar a actividade dos mercados municipais e a promover o comercio local e de proximidade.
Ao encontro asistiron a tenente de alcalde, Gloria Prada, a concelleira de Cultura, Marina Doutón, e a concelleira de Muller, Igualdade e Consumo, Regina López, que compartiron a xornada cos praceiros e praceiras, así como coa veciñanza que se achegou ao mercado para participar nas distintas actividades organizadas.
Durante a celebración, o público puido gozar de degustacións gratuítas de produtos gastronómicos de alta calidade, ao tempo que se repartiron bolsas de tea da campaña “Quere o teu mercado” e outros agasallos promocionais facilitados pola Dirección Xeral de Comercio.
Esta acción serviu para reforzar a importancia da Praza de Abastos de Monforte como espazo clave para as compras de proximidade, poñendo en valor tanto a calidade dos produtos ofrecidos polos comerciantes como o papel fundamental do pequeno comercio na economía local.
O Concello de Monforte de Lemos reiterou o seu compromiso co impulso do comercio de proximidade e coa dinamización do mercado municipal, un espazo que combina tradición e modernidade e que representa un elemento esencial na vida económica e social da cidade.
Así mesmo, o consistorio agradeceu a implicación dos praceiros e praceiras, así como a participación da cidadanía, cuxa presenza contribuíu ao éxito dunha nova edición desta campaña.