A Pobra do Brollón presenta un servizo gratuíto de mediación para fomentar o aluguer de vivendas

O Concello da Pobra do Brollón celebrará este venres 12 de xuño, ás 10.00 horas, na Casa da Cultura Olga Novo, unha reunión informativa para dar a coñecer o novo servizo gratuíto de mediación de alugueres impulsado pola área de Servizos Sociais.
A convocatoria está dirixida tanto a propietarios de vivendas interesados en poñer os seus inmobles en aluguer como a persoas que buscan unha vivenda no municipio.
Segundo explica o Concello, esta iniciativa nace co obxectivo de incentivar o mercado do aluguer local, facilitar o acceso á vivenda e contribuír á atracción e fixación de poboación na Pobra do Brollón.
Durante o encontro ofrecerase información sobre o funcionamento do servizo e habilitarase un espazo para resolver dúbidas e recoller as inquietudes das persoas asistentes.