A Pobra do Brollón incorpora nova maquinaria para mellorar o mantemento de camiños e servizos municipais

O Concello da Pobra do Brollón dispón desde esta semana de nova maquinaria destinada a traballos municipais tras a adquisición dunha mini-escavadora, un remolque basculante e un martelo rompedor hidráulico.
O equipamento foi financiado a través dun convenio asinado coa área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, segundo se informou na presentación realizada no municipio.
O alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda, e o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, visitaron esta mañá unha acometida de auga na parroquia de Fornelas, onde xa se está a empregar a nova maquinaria.
A mini-escavadora e o martelo rompedor permitirán executar con maior eficiencia traballos de obra e reparación, incluídas actuacións relacionadas con avarías na rede de abastecemento de auga. Pola súa parte, o remolque basculante incorpora ramplas para facilitar o transporte do equipamento.
Durante a visita, Xosé Lois Maceda agradeceu á Vicepresidencia da Deputación a colaboración que fixo posible a incorporación destes medios, destacando a súa utilidade para o mantemento da rede de camiños rurais do municipio.