A Pobra de Trives ultima o seu programa de festas patronais para setembro

A Pobra de Trives afronta un mes de setembro cargado de actividade festiva coa celebración das súas dúas citas patronais máis destacadas: as festas do Cristo e as da Dolorosa.
A primeira cita, dedicada ao Cristo, desenvolverase os días 12, 13 e 14 de setembro. A apertura correrá a cargo de Fuss Cover Band, que actuará o día 12 ás 22.00 horas. A xornada do 13 combinará unha sesión de vermú pola mañá coa Charanga El Tattoo e, xa pola noite, ás 22.00 horas, a actuación do Grupo Tattoo. O peche destas festas chegará o 14 de setembro cunha programación especialmente intensa: ás 13.00 horas, sesión de vermú coa Banda de Música de Ramirás, que repetirá ás 18.00 horas cun concerto. A xornada culminará ás 21.30 horas coa actuación de La Oca Band, que contará como artistas convidados con Pili Pampín, Manuel Manquiña e Pepo Suevos.
Unha semana máis tarde, os días 19 e 20 de setembro, o concello celebrará as festas da Dolorosa. O día 19, ás 22.00 horas, actuará o Grupo En Mala Hora. O programa do día 20 incluirá dous pases da Banda de Música de Boborás, ás 13.00 e ás 18.00 horas, e culminará ás 21.30 horas coa actuación da Orquestra Gran Parada.
Ademais da vertente musical, do 18 ao 20 de setembro celebrarase un torneo de pádel na pista municipal, unha proposta deportiva que completa o calendario festivo do concello.