A Pobra de Trives rexistra turbidez na auga polo arrastre de cinzas tras as chuvias sobre zonas calcinadas polos incendios

O Concello da Pobra de Trives informou de que a auga de abastecemento está a rexistrar episodios de turbidez a causa das escorrentías xeradas polas chuvias caídas sobre terreos que resultaron afectados polos incendios forestais. Segundo explica o consistorio, esas augas de escorrentía arrastran cinzas, terra e sedimentos ata os cursos fluviais, o que eleva de forma notable a cantidade de partículas en suspensión.
O propio Concello precisa que os mananciais, ao tratarse de surxencias subterráneas, conservan por agora un aspecto limpo e transparente, e que o problema se concentra na achega superficial do regato, a parte da rede máis exposta a este tipo de arrastres provocados pola choiva.
Para facer fronte á situación, o goberno local puxo en marcha varias medidas. Por unha banda, estase a bombear auga desde Guístolas como fonte alternativa de abastecemento; aínda que a auga dese encoro tamén presenta certa turbidez, esta é "considerablemente menor", segundo indica o Concello. Por outra banda, procedeuse a illar a achega que procede da captación da montaña, mantendo activa a dos mananciais, que segue chegando en boas condicións.
Así mesmo, o consistorio sinala que se está a realizar unha limpeza exhaustiva e continuada dos filtros das instalacións, co obxectivo de retirar os sedimentos acumulados e asegurar o seu correcto funcionamento, ao tempo que se mantén un seguimento permanente de como evoluciona a situación.
O Concello calcula que, se estas actuacións funcionan como está previsto e as condicións o permiten, a situación podería experimentar unha mellora significativa próximamente. Non obstante, matiza que se trata dunha previsión e non dunha garantía, xa que dependerá de como evolucione a turbidez e dos controis que se vaian realizando.
O goberno local quixo ademais dar explicacións sobre un asunto relacionado coa orixe do problema. Durante o verán intentouse impulsar unha actuación preventiva na zona de captación que, de se ter podido executar, "probablemente" tería evitado ou reducido de forma considerable as dificultades que se están a sufrir agora. Porén, esa actuación non chegou a realizarse porque non contou coa autorización da Comunidade de Montes, titular dos terreos onde debía levarse a cabo, o que impediu poñer en marcha unha solución que o Concello consideraba necesaria para protexer o abastecemento municipal.
O consistorio reiterou o seu compromiso de seguir traballando con todos os medios dispoñibles para recuperar a normalidade canto antes, subliñando que a súa prioridade é garantir o subministro e, sobre todo, a seguridade da auga que chega aos fogares do municipio. Por último, comprometeuse a manter informada a poboación de calquera novidade que se produza.