A Pobra de Trives renovará a rúa San Bartolomé para mellorar a seguridade e a accesibilidade

O Concello da Pobra de Trives acometerá proximamente unha actuación de mellora na rúa San Bartolomé co obxectivo de reforzar a seguridade viaria, favorecer a accesibilidade e mellorar o estado xeral desta vía urbana.
Os traballos previstos contemplan a renovación do firme e da sinalización, unha intervención que responde ao deterioro que presenta actualmente a rúa e á súa relevancia para os desprazamentos diarios da veciñanza e das persoas usuarias.
Desde o goberno municipal destacan que se trata dunha das actuacións consideradas prioritarias dentro das necesidades de mantemento e modernización dos espazos públicos do municipio.
A obra executarase con cargo ao Plan CooperOU, unha ferramenta de financiamento que permitirá continuar coa mellora das infraestruturas locais e avanzar na creación de contornas máis funcionais e adaptadas ás necesidades da cidadanía.
O Concello sinala que este investimento forma parte da súa estratexia para impulsar unha vila máis accesible, segura e preparada para o uso diario da veciñanza.