A Pobra de Trives incorpora un camión 4x4 para reforzar su respuesta ante incendios e emerxencias

RibeiraSacraXa
O novo vehículo, valorado en 300.000 euros, permitirá mellorar a capacidade de intervención do Concello, especialmente nas zonas rurais e de difícil acceso
camion-de-bombeiros-trives
25 Aug 2026

O Concello da Pobra de Trives acaba de incorporar aos seus medios de emerxencia un novo camión de bombeiros 4x4, unha dotación que permitirá reforzar a capacidade municipal de resposta ante incendios e outras situacións de emerxencia. A adquisición chega despois da experiencia vivida durante os graves incendios do pasado ano, cando a falta de medios de extinción levou a solicitar ao Concello que puxese á disposición da Administración o camión municipal do que dispoñía daquela.

O Goberno municipal explica que, durante aquela emerxencia, os medios dispoñibles resultaron insuficientes para atender todas as necesidades e que foi nese contexto cando xurdiu a posibilidade de conseguir a doazón do novo vehículo. Trátase dun camión 4x4 máis adaptado ás características do territorio de Trives e preparado para acceder a zonas rurais e espazos de difícil acceso.

Desde o Concello destacan que a chegada deste recurso responde a unha necesidade real e permitirá mellorar de maneira importante os medios municipais dispoñibles para actuar ante unha emerxencia.

“Ante unha emerxencia, sexa do tipo que sexa, desde o Concello non imos quedar esperando. Temos a obriga de facer todo o que estea na nosa man para protexer á veciñanza e colaborar sempre que sexa necesario”, sinala o Goberno municipal.

O vehículo ten un valor de 300.000 euros, unha cifra que, segundo os datos facilitados polo Concello, é superior á suma de todos os medios destinados pola Xunta de Galicia a Trives para prevención e extinción de incendios desde, cando menos, 2015.

O Concello agradece a doazón que fixo posible a incorporación do camión, ao considerar que supón contar cun recurso “moi necesario” para mellorar a capacidade de resposta ante situacións de risco.

A chegada do novo camión serve tamén ao Goberno municipal para reclamar que as administracións competentes garantan os recursos necesarios para facer fronte ás emerxencias e, especialmente, aos incendios forestais.

Desde o Concello consideran fundamental que a prevención e a extinción dos lumes en Galicia conten cun compromiso claro e con medios suficientes, de maneira que os recursos estean dispoñibles nos lugares onde sexan necesarios e no momento no que se precisen.

Neste sentido, o Concello lembra que continúa á espera dun quitaneves para o municipio, unha petición que xa fora trasladada durante o anterior mandato ao Parlamento de Galicia mediante varias iniciativas parlamentarias, sen que polo de agora recibise unha resposta. “Desde o Concello seguiremos traballando para que Trives estea cada día máis preparado e máis seguro”, sinala o Goberno municipal.

0.12371706962585