A piscina de Monforte alcanza os 1.177 socios e incrementa nun 86 % o número de abonados desde a súa reforma

RibeiraSacraXa
O número de abonados aumentou en 545 persoas en menos dun ano, o que supón un incremento do 86,2 % desde novembro
piscina-municipal-monforte
17 Oct 2026

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, amosa a súa satisfacción pola excelente evolución experimentada no número de abonados á Piscina Climatizada Municipal, cando está a piques de cumprirse o primeiro ano de funcionamento desde a súa reapertura, o 27 de outubro de 2025, trala reforma integral acometida no edificio.

Tal e como recollen os rexistros da Oficina de Deportes, o mes de setembro de 2026 pechou con 1.177 socios, fronte aos 632 rexistrados en novembro de 2025, o primeiro mes completo de funcionamento da piscina, o que representa un incremento de 545 persoas e un crecemento do 86,2 %.

Ademais, na actualidade están inscritos nas actividades 469 cursillistas, o que eleva o número de usuarios das instalacións da piscina a un total de 1.646.

“Estes datos avalan a aposta realizada polo Equipo de Goberno para acometer a reforma integral do Complexo Deportivo da Pinguela e ofrecer á cidadanía un equipamento deportivo moderno, funcional e de excelente calidade, tal que e como se vén comprobando desde que inauguramos a reforma do Pavillón Polideportivo, en outubro de 2023”, afirma o rexedor monfortino.

Engade que, “cando decidimos acometer a reforma integral da piscina, tiñamos claro que Monforte necesitaba unhas instalacións deportivas renovadas, modernas e preparadas para responder ás necesidades da veciñanza. Hoxe, a evolución do número de socios demostra que foi unha decisión acertada e que os monfortinos e monfortinas están respondendo moi positivamente”, sinala o Alcalde.

Esta evolución supón que, entre novembro de 2025 e setembro de 2026, o número de abonados aumentou un 86,2 %, cunha progresión especialmente significativa nos últimos meses, que confirma a crecente utilización da instalación por parte da cidadanía, tanto da Piscina como do Ximnasio Municipal.

“Estamos moi satisfeitos de ver como cada mes máis persoas se incorporan á piscina municipal e o ximnasio. O importante non é só alcanzar unha cifra elevada de socios, senón comprobar que existe unha tendencia sostida de crecemento, xa que iso significa que estamos ofrecendo un servizo público útil, que a veciñanza valora e que contribúe a fomentar a práctica deportiva e os hábitos de vida saudables no noso municipio”, afirma José Tomé.

Un investimento de 2,3 millóns de euros para modernizar as instalacións da piscina

A evolución positiva do número de socios coincide coa posta en funcionamento dunha instalación completamente renovada tras unha reforma integral na que o Concello investiu 2,3 millóns de euros. A intervención supuxo a primeira actuación de gran calado neste equipamento deportivo, que databa de 1994, e permitiu transformar o edificio e mellorar a funcionalidade do conxunto do complexo deportivo da Pinguela.

O resultado é unha piscina moderna, segura, eficiente e sostible, con espazos reordenados para facilitar os desprazamentos e mellorar a comodidade das persoas usuarias. A reforma incluíu a creación dunha recepción común coa que se conecta a piscina co pavillón polideportivo, a renovación completa dos vestiarios e a mellora das circulacións interiores, separando os percorridos de pés secos e pés húmidos para favorecer unhas condicións hixiénicas máis adecuadas.

A actuación permitiu tamén ampliar a superficie destinada ao ximnasio, que pasou de 235 a 300 metros cadrados, incrementar o espazo das bancadas e crear unha nova cafetería, concibida para dar servizo tanto á piscina como ao pavillón polideportivo.

Precisamente, esta mesma semana adxudicouse a xestión da cafetería que vai prestar servizo tanto aos usuarios da piscina e do ximnasio como do pavillón polideportivo, e a poboación en xeral, sen necesidade de estar abonado, xa que o acceso é independente.

“O obxectivo deste Equipo de Goberno é que Monforte dispoña de servizos públicos de calidade e de instalacións deportivas nas que a cidadanía poida practicar deporte en boas condicións. O incremento dos socios é un dato que nos anima a seguir traballando nesta liña e que reforza a importancia de investir en infraestruturas que melloren a vida dos nosos veciños e veciñas”, conclúe José Tomé.

0.1524829864502