A Pinguela recuperará o servizo de cafetería tras a renovación integral do complexo deportivo

RibeiraSacraXa
A concesión terá unha duración inicial de dous anos e a instalación funcionará durante toda a tempada deportiva, con horarios adaptados tamén ás competicións
cafeteria-pinguela
24 Aug 2026

O Complexo Deportivo da Pinguela contará proximamente cun novo servizo de cafetería despois de que a Xunta de Goberno Local aprobase este luns, 24 de agosto, o inicio do expediente para a adxudicación do servizo mediante procedemento negociado.

A cafetería, que foi completamente renovada, dispón dun espazo de 105 metros cadrados, con barra e o equipamento interior necesario para o desenvolvemento da actividade. Unha das súas características máis destacadas é a ampla cristaleira desde a que se poden contemplar as piscinas.

O establecemento dará servizo tanto á Piscina Municipal como ao Pavillón Polideportivo, polo que o Concello prevé unha importante afluencia de usuarios, entre deportistas, clubs, persoal técnico, público asistente ás competicións e outros eventos deportivos e veciñanza en xeral.

O alcalde, José Tomé Roca, destaca que “son moitas as persoas usuarias que utilizan diariamente estas instalacións e queremos ofrecer un servizo de calidade”. Neste sentido, lembra que, tras as reformas integrais realizadas primeiro no Pavillón Polideportivo e posteriormente na Piscina, ambas as instalacións funcionan actualmente como un único complexo deportivo xestionado de maneira conxunta.

O futuro servizo de cafetería deberá permanecer operativo durante toda a tempada de apertura do complexo deportivo, de xaneiro a decembro, e terá que cumprir uns horarios mínimos de atención.

De luns a venres, o servizo deberá estar aberto como mínimo de 8.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, mentres que o horario máximo poderá estenderse de 7.30 a 14.00 horas e de 15.00 a 23.00 horas.

Durante as fins de semana e os festivos, o horario mínimo será os sábados de 10.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 22.00 horas, e os domingos e festivos de 10.30 a 14.30 horas.

Ademais, nos fins de semana e festivos nos que se celebren competicións ou outros eventos deportivos fóra dos horarios mínimos establecidos, a persoa que resulte adxudicataria deberá prestar igualmente o servizo, agás os domingos e festivos pola tarde. Nestes casos, a cafetería deberá abrir polo menos 30 minutos antes do inicio do evento e permanecer aberta ata 30 minutos despois da súa finalización.

A posta en marcha do procedemento para recuperar o servizo de cafetería prodúcese tras a renovación integral do Complexo Deportivo da Pinguela. O Pavillón Polideportivo foi reformado no ano 2023, mentres que a Piscina Municipal, tamén sometida a unha actuación integral, foi inaugurada en outubro de 2025.

As dúas intervencións supuxeron un investimento conxunto de 6 millóns de euros destinado á modernización das instalacións deportivas. O alcalde sinala que estas actuacións permitiron crear “un complexo deportivo único, eficiente e moderno”.

0.13819408416748