A nova varredoira municipal entra en servizo en Ribas de Sil tras un investimento de 90.000 euros

RibeiraSacraXa
O novo equipamento, financiado integramente pola Deputación de Lugo, permitirá reforzar a limpeza viaria e forma parte do convenio de colaboración asinado entre ambas administracións en 2025
nova-barredora-ribas-de-sil
26 Jul 2026

A nova varredoira municipal de Ribas de Sil entrou este venres en funcionamento cunha demostración realizada na Praia Fluvial de San Clodio, onde numerosos veciños e veciñas se achegaron para coñecer de preto o funcionamento do novo vehículo destinado ao servizo de limpeza.

Na presentación participou tamén o alumnado do Campamento de Verán, que previamente desenvolvera actividades de sensibilización sobre a correcta separación dos residuos e o uso dos colectores. Os nenos e nenas seguiron con interese a posta en marcha da máquina e puideron comprobar o seu funcionamento durante os primeiros traballos de limpeza.

O operario municipal Diego foi o encargado de estrear a nova varredoira, iniciando as tarefas na contorna da praia fluvial.

A adquisición deste equipamento supuxo un investimento de 90.000 euros, financiado na súa totalidade pola Deputación de Lugo. Segundo explica o Concello, trátase dunha varredoira de alta gama que permitirá acceder con maior facilidade ás rúas do municipio e incrementar a frecuencia das tarefas de limpeza.

Esta actuación enmárcase no convenio de colaboración asinado entre o Concello de Ribas de Sil e a Deputación de Lugo en xuño de 2025, dotado cun orzamento global de 300.000 euros. O acordo inclúe distintas actuacións de mellora no municipio, algunhas xa executadas e outras que se desenvolverán ao longo dos próximos meses.

O Concello sinala que a incorporación da nova varredoira forma parte do proceso de modernización dos servizos municipais co obxectivo de mellorar a atención á veciñanza e contribuír ao mantemento e á boa imaxe dos espazos públicos.

0.12290811538696