A mostra ‘Arte e humor. O enxeño de Antonio Mingote’ abre as súas portas na Pobra de Trives

RibeiraSacraXa
Poderá verse na Sala de Exposicións do Edificio Santa Leonor ata o 16 de maio
expo-arte-e-humor-trives
17 Apr 2026

A Sala de Exposicións do Edificio Santa Leonor, na Pobra de Trives, acolle desde este 16 de abril a mostra ‘Arte e humor. O enxeño de Antonio Mingote’, unha proposta que percorre a historia da arte a través da mirada do coñecido debuxante.

A exposición foi inaugurada este xoves nun acto no que participaron a alcaldesa, Patricia Domínguez Barja, o concelleiro de Cultura, José Luis Vidal, o coordinador institucional de ABANCA en Ourense, Mateo Alonso San Román, e a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano.

Organizada en colaboración coa Fundación Antonio Mingote, a mostra ofrece un percorrido pola traxectoria do autor, destacando o seu particular estilo e a súa capacidade para interpretar a realidade con humor. Poderá visitarse ata o 16 de maio, de luns a venres en horario de mañá, de 10.00 a 13.30 horas, e os sábados e festivos de 11.00 a 14.00 horas.

A exposición pon o foco na figura de Mingote, quen iniciou a súa carreira moi novo e acadou unha ampla proxección como debuxante en publicacións como La Codorniz ou o diario ABC, no que colaborou durante máis de medio século. Ao longo da súa traxectoria tamén participou en numerosos medios nacionais e internacionais e compaxinou o debuxo co xornalismo e a literatura, chegando a publicar máis de corenta obras.

O seu traballo foi recoñecido con diversos premios e distincións, entre eles o Premio Nacional de Periodismo ou a Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo, ademais de formar parte da Real Academia Española, sendo o primeiro debuxante en conseguilo.

Esta iniciativa enmárcase no proxecto ‘Corrente cultural’, impulsado por Afundación, a Obra Social de ABANCA, co obxectivo de achegar a actividade cultural a diferentes puntos de Galicia e ampliar a oferta artística máis alá das grandes cidades.

0.1166410446167