A maxia e o humor protagonizan este domingo unha actividade familiar contra a violencia de xénero en Monforte

A Casa da Cultura de Monforte acollerá este domingo, 22 de novembro, ás 18.00 horas, o espectáculo de maxia 'Igualdade, onde estás?', dirixido ao público familiar. A actuación, a cargo da ilusionista Maga Fani, combinará ilusionismo, humor e participación do público para transmitir valores de igualdade e transformación social.
A actividade forma parte da campaña 'Monforte en negro contra as violencias', organizada polo Concello con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A entrada será gratuíta ata completar o aforo.
O espectáculo propón, a través da maxia e do humor, unha reflexión sobre as desigualdades de xénero cotiás e históricas e a importancia de erradicalas mediante a educación e a cultura.
A protagonista da historia, Esperanza Marzal, nace o 8 de marzo de 1975. A súa nai interpreta esta data como un sinal de que ten unha misión e decide poñerlle ese nome. Esperanza emprenderá entón unha procura da igualdade, cuestionando situacións como as dificultades das mulleres para camiñar tranquilas pola rúa, acceder a determinados postos de traballo ou a atención que reciben nas entrevistas dos medios de comunicación, onde a miúdo se lles pregunta polo seu aspecto físico en lugar de pola súa actividade profesional.
O acto central do 25N
A programación municipal continuará o mércores 25 de novembro, ás 12.00 horas, co acto central da conmemoración na Praza do Concello. A xornada comezará coa lectura do manifesto institucional, a cargo da concelleira de Muller e Igualdade, Regina López, e continuará coa performance 'Cadeiras Baleiras'.
Esta acción artística e de protesta social pretende visibilizar o baleiro irreversible que deixan as vítimas asasinadas pola violencia machista. Tamén se incluirán tres cadeiras baleiras en lembranza dos menores vítimas de violencia vicaria.
No acto participará alumnado de Educación Primaria dos centros educativos da cidade. Ademais, repartirase material de sensibilización baixo o lema da campaña 'Monforte en negro contra as violencias'.
Actividades durante todo o ano
A campaña inclúe tamén a colocación de pancartas conmemorativas no edificio do Concello e no Centro Cívico, así como un vinilo no Bus Urbano para difundir a mensaxe de rexeitamento á violencia de xénero e convidar á cidadanía a participar na concentración do día 25.
Como novidade, instaláronse tótems informativos permanentes sobre os recursos dispoñibles fronte á violencia de xénero na Casa Consistorial, a Biblioteca Municipal e o Complexo Deportivo da Pinguela. Estes dispositivos ofrecerán información visual e accesible sobre os servizos de apoio e os lugares aos que acudir ante unha situación de violencia machista.
O programa incluirá tamén o xoves 26 de novembro unha nova edición do Curso de Defensa Persoal Feminina, que se desenvolverá no Centro Cívico en dúas quendas, de 9.30 a 13.30 horas e de 16.00 a 20.00 horas. A actividade será gratuíta, aínda que as prazas son limitadas e asignaranse por orde de inscrición. As interesadas deberán anotarse previamente no Centro de Información á Muller (CIM), no teléfono 982 41 63 50.
Ese mesmo xoves, ás 20.15 horas, o Edificio Multiusos acollerá a representación de 'A cámara escura', da compañía Vórtice Escénico. A obra, escrita por José Luis Baños de Cos e dirixida por Sara Rey Seoane, aborda a realidade das vítimas do ciberacoso e a espiral de desprezo e dor na que poden verse atrapadas.