A Gala do Deporte de Monforte recoñece aos mellores deportistas do ano

RibeiraSacraXa
A undécima edición do evento reuniu a deportistas, clubs e autoridades na Casa da Cultura Lois Pereiro, onde o Concello destacou o investimento de máis de 154.000 euros no deporte local durante 2026
MONFORTE gala deporte
27 Jun 2026

A Casa da Cultura Lois Pereiro acolleu este venres a undécima edición da Gala do Deporte de Monforte, un acto organizado polo Concello para recoñecer os éxitos acadados polos mellores deportistas, clubs, adestradores, árbitros e entidades deportivas do municipio ao longo de 2025.

O alcalde, José Tomé Roca, presidiu a gala e destacou o gran momento que atravesa o deporte monfortino grazas ao traballo de deportistas e clubs que continúan obtendo resultados destacados en competicións de diferentes ámbitos. O rexedor asegurou que estes éxitos contribúen a situar o nome de Monforte entre os referentes deportivos e agradeceu o esforzo realizado por todos os premiados e candidatos.

Durante a súa intervención, Tomé puxo o foco na aposta do Concello polo deporte, que este ano supera os 154.000 euros en axudas. Desta cantidade, máis de 132.500 euros destínanse aos clubs deportivos, 10.000 euros ás axudas para deportistas individuais e outros 12.000 euros á participación en campionatos de España, europeos e mundiais.

O alcalde tamén repasou algunhas das actuacións impulsadas nos últimos anos para modernizar as instalacións deportivas municipais. Entre elas citou a reforma integral do pavillón da Pinguela, da piscina climatizada, a renovación dos campos de fútbol de herba artificial, das pistas de tenis e a mellora da contorna do complexo deportivo, actuacións que, segundo lembrou, supuxeron un investimento superior aos 6 millóns de euros. Ademais, avanzou a intención do Goberno local de continuar ampliando e mellorando as infraestruturas para favorecer a práctica dun maior número de disciplinas deportivas.

Na undécima edición da Gala do Deporte presentáronse 40 candidaturas repartidas nas distintas categorías convocadas. Entre os galardoados figuran Sara Pérez Pallín e Xoel Fernández Méndez como mellores deportistas promesa; Noa Díaz Quintián e Alejandro Losada Rodríguez como mellores deportistas absolutos; Rodrigo Cota Pérez como mellor árbitro; José María Vega Sánchez como mellor adestrador; o equipo infantil do C.P. Calasancio como mellor equipo de base; o trío formado por Alejandro Losada, Carlos Rey e Marco García como mellor equipo absoluto; o Club Natación Monforte polo premio á deportividade e xogo limpo e o Club Quixós como mellor entidade deportiva na promoción do deporte.

A gala tamén incluíu recoñecementos especiais fóra de concurso para Luis Díaz Fernández (Nacho) e para os departamentos de Educación Física dos centros de Educación Primaria do municipio, en recoñecemento ao seu labor na promoción da actividade física entre a infancia.

0.12424993515015