A Furgoteca levará os seus libros polas aldeas de Folgoso do Courel no mes de agosto

O programa A Furgoteca, a rede de bibliotecas móbiles impulsada pola Xunta de Galicia, volve este mes de agosto a Folgoso do Courel para achegar o préstamo de libros e a actividade cultural aos veciños das distintas parroquias do municipio.
O servizo, que depende da delegación de A Furgoteca en Lugo, programou dúas xornadas de reparto ao longo do mes, organizadas en dúas rutas diferentes que cubrirán tanto o núcleo urbano coma as aldeas máis pequenas da contorna.
A primeira das rutas tivo lugar este luns cun percorrido que pasou pola Casa Niño e a Casa do Maior, antes de deterse durante unha hora nas inmediacións do Concello. Desde alí, a furgoneta biblioteca continuou cara a Ferreirós de Arriba, Froxán, A Campa e rematará a xornada en Santa Eufemia, arredor das 15.20 horas.
A segunda ruta está prevista para o 28 de agosto e centrarase na contorna de Seoane do Courel. O itinerario comezará en Visuña, seguirá por Miraz de Abaixo, Paderne e Meiraos, para concluír cunha parada máis extensa, dunha hora, en Seoane do Courel.
Este servizo de biblioteca itinerante permite aos habitantes das zonas rurais acceder a préstamos de libros e a outras actividades de fomento da lectura sen necesidade de se desprazaren aos núcleos urbanos con biblioteca fixa. Para máis información sobre horarios ou para consultar dúbidas sobre o servizo, os veciños poden poñerse en contacto con A Furgoteca Lugo a través do teléfono 621 308 856 ou do correo electrónico afurgotecalugo@xunta.gal.
A iniciativa enmárcase dentro das accións culturais que a Xunta de Galicia desenvolve de cara ao Xacobeo 2027, co obxectivo de dinamizar a vida cultural no rural galego.