A Fundación Uxío Novoneyra abre a inscrición para a quinta edición de “Lecturas Habitadas”

A Fundación Uxío Novoneyra abriu o prazo de inscrición para participar na quinta edición de Lecturas Habitadas. Sesións de biblioterapia para mulleres, unha proposta que se celebrará entre os días 21 e 23 de agosto de 2026 na sede da entidade e na súa contorna, na aldea de Parada, no Courel.
Ao longo das sesións traballaranse lecturas de distintas autoras como May Sarton, Colette, Olalla Cociña, María Gabriela Llansol, Begum Rokeya, Doris Lessing, Delphine de Vigan, Joy Harjo ou Ulli Lust, entre outras.
A programación arrancará o venres 21 de agosto coa sesión titulada “Descubrir a biblioterapia”, guiada por Branca Novoneyra e Lucía Miranda-Morla. O sábado 22 desenvolverase “Natureza lautobiográfica”, dirixida por Branca Novoneyra, mentres que o domingo 23 pecharase a actividade con “Intimidades biomitográficas”, conducida por Lucía Miranda-Morla.
O horario previsto será diferente segundo a xornada. O venres as actividades realizaranse entre as 17.30 e as 20.00 horas. O sábado e o domingo desenvolveranse entre as 12.00 e as 17.00 horas. Ademais, as participantes compartirán un xantar ao aire libre na horta da Fundación entre as 14.30 e as 15.30 horas.
A iniciativa está dirixida a mulleres de todas as idades con interese pola lectura. A organización oferta un total de 15 prazas, que serán adxudicadas por orde de recepción das solicitudes.
As persoas interesadas deberán enviar un correo electrónico a branca@uxionovoneyra.com, indicando no asunto o nome e apelidos e incorporando no corpo da mensaxe os datos de contacto, incluíndo enderezo e teléfono. A confirmación da praza comunicarase posteriormente por correo electrónico.
A quinta edición de Lecturas Habitadas conta co apoio do proxecto Territorio Cultura, desenvolvido en colaboración entre o Ministerio de Cultura e a Xunta de Galicia a través da Agadic, así como das Axudas para Proxectos de Cooperación Cultural no Medio Rural 2026 do Ministerio de Cultura.